Deputación de Lugo

Cubertas preto de 90% das prazas de Termalismo no Camiño

- 1.049 lucenses maiores de 50 anos solicitaron xa algunha das 1.200 prazas dispoñibles ata finais de ano para beneficiarse dos importantes descontos en balnearios da provincia que ofrece a Deputación
- Os interesados poden facerse con algunha das 151 prazas restantes en www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 260 076

O programa de impulso ao benestar social e o turismo medioambiental posto en marcha pola Deputación de Lugo, Termalismo no Camiño, afiánzase como unha exitosa alternativa de lecer e saúde. Por cuarto ano consecutivo, esta programación, que ofrece importantes descontos en tratamentos terapéuticos en balnearios da provincia para os lucenses maiores de 50 anos, conseguiu recibir unha inmellorable acollida e, de feito, xa están cubertas o 87% do total de 1.200 prazas dispoñibles.

Así, e malia que o prazo de solicitudes remata a finais de ano, dende o seu inicio, o pasado mes de agosto, son 1.049 as solicitudes recibidas para optar a algunha das 1.200 prazas dispoñibles nos centros termais lucenses que se atopan ao pé das rutas xacobeas dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno. Estes establecementos son o Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas, no Hotel Balneario Río Pambre e no Oca Augas Santas Balneario & Golf Resort, que son os balnearios da provincia que empregan augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde, segundo establece a Lei de regulación de augas minerais, termais e de manancial da Comunidade galega.

Estas 1.049 solicitudes recibidas polo momento distribúense do seguinte xeito: 227 en outubro (198 con estancia e as 29 restantes sen ela); 206 en novembro (190 con estancia e 16 sen estancia) e, finalmente, 48 para o mes de decembro. Nos meses anteriores, agosto e setembro, foron un total de 568 solicitudes de lucenses que xa desfrutaron das súas estancias.

Estancias e tratamentos subvencionados
O Termalismo no Camiño da Deputación de Lugo pón a disposición dos lucenses maiores de 50 anos importantes descontos nos seguintes paquetes de estancias e tratamentos terapéuticos:

  • 6 días con 5 noites de estancia
  • 5 pensións completas
  • Día de entrada, domingo: incluídos cea e aloxamento
  • Día de saída, venres: incluídos almorzo e comida e 8 técnicas de balneario
  • Un recoñecemento médico á chegada
  • De luns a xoves haberá programas con actividades de animación sociocultural

Estes tratamentos poden prolongarse ata un máximo de 10 días, sen desconto da Deputación nos 5 días de máis, malia que si con prezos moi vantaxosos. Os interesados en facerse con algunha das 151 prazas restantes aínda poden facelo entrando en www.deputacionlugo.gal, ou ben chamando ao teléfono 982 260 076.