Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa no proxecto educativo Una cebra en el agua con alumnos de Cervantes

- O Presidente asistiu a unha das sesións deste innovador programa de divulgación lúdico e didáctico, co que se achega aos máis novos as rutinas da investigación científica - A colaboración económica da Deputación coa Universidade de Santiago, por valor de 15.000 euros, permitiu ampliar o proxecto a 60 centros educativos da provincia - Besteiro salientou que “apostar pola formación do alumnado a través das novas tecnoloxías axuda a compartir e fixar coñecemento dunha forma eficaz, obtendo uns resultados máis que notables”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres nunha das sesións do innovador proxecto educativo Una cebra en el agua, actividade lúdico didáctica que tivo lugar no pavillón 4 da Facultade de Veterinaria e coa que se comparte cas mozas e mozos da provincia as rutinas da investigación científica. A colaboración económica do organismo provincial por valor de 15.000 euros, que realizou a través dun convenio coa Universidade de Santiago, permitiu ampliar o proxecto a 60 centros educativos da provincia.

Gómez Besteiro, que estivo acompañado por 8 alumnos de 4º da E.S.O do centro educativo de Cervantes, salientou que apostar pola formación do alumnado a través das TIC “axuda a compartir o coñecemento dunha forma eficaz e sinxela, obtendo resultados máis que notables, pois aplícase a teoría e refórzase o aprendido nas aulas”. O Presidente felicitou tamén aos responsables do proxecto e afirmou que “a iniciativa serve para achegar o mundo da ciencia a un público mozo, fomentando a investigación e vocación científica entre os estudantes da provincia”.
A importancia do peixe cebra
O proxecto consiste en desenvolver experimentos utilizando un organismo modelo como é o peixe cebra, co que se leva traballado con el dende hai máis de 30 anos. A finalidade deste proxecto é divulgar, non só nos centros educativos, senón na sociedade en xeral, a importancia dos estudos científicos en campos como a biomedicina ou a toxicoloxía, así como as rutinas produtivas e as aplicacións do método científico.

A través do peixe cebra, os alumnos aplican a teoría e poderán observar de preto as peculiaridades e características deste animal afondando na investigación científica. Ademais, existe unha plataforma informática que funciona como ferramenta pedagóxica na que os alumnos aprenden xogando a través dun simulador que recrea as probas de laboratorio.

O peixe cebra é un dos vertebrados modelo para a experimentación en diversas áreas de investigación como a biomedicina, acuicultura e alimentación, por ser unha especie de manexo sinxelo, con numerosa descendencia e tempo xeracional curto, ademais de ter unha xenética cunha gran similitude co xenoma humano.