Deputación de Lugo

Deputación e Xunta avaliaron hoxe os avances no desenvolvemento do convenio para a rehabilitación e posta en valor das Pallozas do Piornedo

­- A Deputación enviará mañá os proxectos ao Concello de Cervantes para que o municipio solicite á Xunta os permisos necesarios para poder iniciar as obras
- O Pazo de San Marcos acolleu este martes a reunión da Comisión de Seguimento do convenio entre a institución provincial e a autonómica
- O convenio está dotado de 260.000 euros, financiados nun 65,5% pola Deputación de Lugo e nun 34,5% pola Xunta de Galicia

Este martes tivo lugar no Pazo de San Marcos a reunión da Comisión de Seguimento do convenio de colaboración de Deputación de Lugo e Xunta de Galicia para a rehabilitación e posta en valor das Pallozas do Piornedo. Está dotado de 260.000 euros, financiados nun 65,5% polo organismo provincial (160.000 euros) e nun 34,5% pola administración autonómica (100.000 euros).

A Deputación de Lugo presentou os dous proxectos de obras que se encargou de redactar. Trátanse do da reparación das cubertas das Pallozas, que conta cun orzamento de 100.000 euros, e o da dotación do servizo de saneamento no Piornedo, por valor de 86.000 euros. O organismo provincial enviará mañá mesmo estes proxectos ao Concello de Cervantes para que o municipio solicite á Xunta os permisos legais imprescindibles cos que poder iniciar a execución das obras. Simultaneamente á concesión das licencias, a Deputación porá en marchas os procesos de contratación de ditos traballos.

Na reunión, tamén se informou sobre o proxecto de dotación de alumeado público no Piornedo, dotado de 74.000 euros. Neste caso, é o Concello de Cervantes quen se encarga da súa redacción, que xa está a ultimar xunto co departamento autonómico de Patrimonio. 

En virtude do convenio subscrito, a Deputación de Lugo é a encargada da redacción e execución dos traballos para os que achega 160.000 euros mentres a Xunta, a través de Turismo de Galicia, adica 100.000 euros.