Deputación de Lugo

A Deputación leva reclamando á Xunta dende finais de outubro a comisión de seguimento das pallozas

Imaxe deputación de lugo

- A Vicepresidenta Segunda garante que o organismo provincial “acudirá á reunión cos deberes feitos, e poderá comprobar tamén que leva feito o Goberno galego ata o de agora”
- A pesar de que o arranxo destas construcións é competencia do Goberno galego, a institución provincial “decidiu colaborar ante o grave deterioro que presentan despois de que Feijóo decidise suprimir no 2010 as axudas públicas para o seu mantemento”

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, aclarou este xoves que foi a Deputación de Lugo, e non a Xunta de Galicia, a que tomou a iniciativa de reclamar a reunión da comisión de seguimento do proxecto de rehabilitación das pallozas do Piornedo e dotar de saneamento e alumeado público a esta aldea do Concello de Cervantes. “Levamos dende finais de outubro pedindo a convocatoria do encontro e tratando de cerrar datas coa Xunta, o que podemos demostrar incluso cos correos electrónicos que temos enviado ”, subliñou Méndez, polo que “non entendemos as manifestacións da delegada en Lugo do Goberno galego, inxustas e totalmente fóra de lugar”. De feito, a Deputación propuxo a orde do día por escrito, no que inclúe tres puntos:
1.- Dación de conta do proxecto de rehabilitación das pallozas do Piornedo e dotación dos servizos básicos que permitan mellorar as condicións de habitabilidade no conxunto histórico do Piornedo.
2.- Dación de conta dos informes necesarios para a execución das actuacións previstas no convenio.
3.- Dación de conta das datas previstas para o inicio do procedemento de contratación.
Lara Méndez garantiu que a Deputación “acudirá á reunión do martes cos deberes feitos, e poderá comprobar tamén que é o que leva feito a Xunta ata o de agora”.

O convenio é froito dun Pleno provincial
A Vicepresidenta Segunda destacou ademais que o convenio asinado entre Xunta e Deputación “é froito do acordo tomado o 1 de abril deste ano polo Pleno provincial, no que se instaba ao Goberno galego, ao organismo provincial e ao Concello a colaborar nunha solución de alcance que resolvese o problema do mantemento das pallozas, así como a dotación dos servizos de saneamento e iluminación dos veciños do Piornedo.
Neste sentido, Lara Méndez lembrou que tamén foi por iniciativa da Deputación polo que se incluíu no convenio a dotación de servizos de alumeado e saneamento na aldea.
En canto ás pallozas, a Xunta de Galicia é a que debería asumir os traballos de rehabilitación, pois “é a administración que ten as competencias como responsable dos Bens de Interese Cultural”, asegurou Méndez. A pesar diso, a Deputación decidiu prestar a súa colaboración ante o grave deterioro que presentan as construcións “despois de que Feijóo decidise no 2010 retirar as axudas públicas que recibían para o seu mantemento, e debido á súa importancia turística e patrimonial”.
O grao de implicación da Deputación queda demostrado tamén nas cifras. A institución luguesa aporta o 65,5% do orzamento para executar o convenio (160.000 euros), mentres que a Xunta achega o 34,5% (100.000 euros).