Deputación de Lugo

Gómez Besteiro entregou a AGAMAC o DVD sobre o antigo Camiño Real realizado pola Fundación TIC

- Numeroso público, asociacións rurais e Alcaldes dos 6 Concellos polos que pasa a ruta medieval asistiron á proxección O Camiño Real en tractor  que tivo lugar no Pazo de San Marcos - O audiovisual recolle a I Peregrinación de tractores clásicos polo Camiño e amosa lugares de interese do itinerario como a Casa de Cela ou a ponte de Carracedo - A TIC colabora coa Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica na difusión da súa actividade. Neste caso, a recuperación da antiga vía comercial que une os Camiños Francés e Primitivo

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega este martes ao presidente da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC), Marcos Vázquez Marey, do DVD titulado O Camiño Real en tractor, que divulga os recursos agrónomos, culturais e turísticos desta ruta de orixe medieval e os municipios polos que transcorre que son: Pedrafita do Cebreiro, Láncara, As Nogais, Triacastela, O Corgo e Lugo. Numeroso público, entre eles os Alcaldes destes Concellos, asistiron á proxección do traballo gravado e editado por bolseiros e técnicos da TIC. Besteiro destacou a importancia de “apoiar estas iniciativas, que dinamizan a provincia e fomentan o turismo, fixando poboación no rural”.

O Camiño Real en tractor  é o resultado do convenio de colaboración asinado entre a TIC e AGAMAC para difundir as actividades que leva a cabo a asociación galega na provincia. Neste caso, apuntou o responsable da asociación galega, grazas a TIC “este documental será o punto de partida para reivindicar a recuperación desta antiga vía que une os Camiños Francés e Primitivo”.

No acto, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e que rematou cun coloquio,  tamén estiveron presentes o Presidente da Federación Española de Vehículos Antigos (FEVA), Ángel Jove González, e o Vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a Delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Contido do audiovisual
O DVD divídese en tres clips. O primeiro recolle a I Peregrinación de tractores clásicos polo Camiño celebrada o pasado 24 de febreiro do 2013, na que participaron uns 30 vehículos da época. Amósase o percorrido da ruta ó completo con saída de Pedrafita do Cebreiro e chegada a Lugo.

O segundo clip fai un percorrido polos lugares de maior interese que posen os seis municipios o seu paso polo Camiño Real. Por exemplo, a Casa Solariega de Cela, na que naceu un dos avós do premio Nobel; o camiño da Albela, polo que pasaba a antiga N-VI romana; ou a ponte prerromana de Carracedo. Por último, a cinta inclúe un terceiro vídeo sobre o labor e proxectos que leva a cabo a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica, que ten como prioridade potenciar e aumentar a autoestima do traballador do rural.

Coas asociacións da provincia
AGAMAC é unha das 130 asociacións da provincia coas que colabora a TIC para difundir o seu labor. A cinta permite á asociación galega, sen ánimo de lucro, dar o primeiro paso na promoción do Camiño Real. O obxectivo: a recuperación desta ruta que xeraría riqueza e emprego no medio rural. A tamén chamada “Camiño Antigo” ou “Camiño dos romanos” é a vía que permitía ós viaxeiros e comerciantes trasladarse na Idade Media por todo o país.

Na actualidade, o Camiño Real atópase en fase de estudio, ó igual que outros treitos do Camiño Inglés, á espera de determinar, empiricamente, o seu trazado exacto a pesares dos esforzos, neste senso, de intelectuais coma o antigo cronista de Sarria, Felix López, ou Elías Valiña. É moi posible que formara parte dun dos trazados orixinais do Camiño de Santiago. De feito, algúns peregrinos aínda hoxe toman trazados desta ruta na súa meta a Santiago de Compostela.