Deputación de Lugo

28 artistas galegos ilustran os versos de “Cantares Gallegos” na nova mostra que acolle a Capela de Santa María

- Regina Polín inaugurou esta exposición, de máis dunha trintena de pezas, coa que a Deputación rende homenaxe á literatura galega e a “unha autora que escribía dende a morriña” - Entre as ilustracións que se exhiben atópanse creacións que emulan as estrofas de Has de Cantar, Adiós, ríos; adiós, fontes ou Como chove miudiño - A mostra poderase visitar ata o 11 de xaneiro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este venres a exposición “Imaxinando Cantares Gallegos”, que acollerá durante un mes a Capela de Santa María. Esta mostra, que conxuga literatura e arte, reúne as creacións gráficas de 28 artistas galegos que ilustran, en 33 pezas, os versos da obra rosaliana “Cantares Gallegos”.

Durante o acto de inauguración, Regina Polín destacou “a inmellorable oportunidade que supón a mostra para redescubrir unha das obras máis fundamentais de Rosalía de Castro e para observar o traballo dos artistas lugueses e galegos”. A Deputada incidiu tamén no “compromiso do CENTRAD e da Deputación en prol da conservación e promoción non só da herdanza cultural senón tamén do sector da artesanía”. “En Lugo temos o placer de contar coa Capela de Santa María, espazo referente no circuito histórico artístico da provincia, para amosar e dar a coñecer tanto aos nosos artistas como o seu traballo”, sentenciou Polín.

O grupo independente de música galega Clave de Fado púxolle o broche de ouro á inauguración desta exposición, a última que acolle este ano a Capela de Santa María.

Diferentes técnicas creativas para ilustrar un poemario
Coa mostra Imaxinando Cantares Gallegos, a institución provincial rende homenaxe á literatura galega e a “unha autora que escribía dende a morriña”, tal e como a recordaba a Deputada. Entre as ilustracións que se poden ver na exposición, realizadas con diferentes técnicas creativas como por exemplo acrílicos, guasch ou gravados, atópanse creacións que reproducen os poemas de Has de cantar, pasando por Adiós, ríos; adiós, fontes ou Ariños, airiños, aires ata Como chove miudiño.

A exposición poderase visitar ata o 11 de xaneiro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.