Deputación de Lugo

Besteiro: “O PP enfrontado pola silla da oposición na Deputación mentres temos un grave problema de emprego con Alcoa”

Imaxe deputación de lugo
- “O PP embarrado en liortas internas e coa súa forma de facer política, que todo o mundo rexeita. A cidadanía quere partidos políticos preocupados polos problemas da sociedade e non polos seus propios, que hoxe pasan polo enfrontamento de dúas candidatas”
- “A xente quere un partido que goberne, non un partido que só desexa poder polo poder, que ande pelexando así como a Delegado da Xunta e a hoxe voceira da oposición, escenificando unha división evidente entre Barreiro e Feijóo, entre partidarios dun e doutro”
- “Este comportamento e espectáculo público non dá tranquilidade, nin esperanza, nin mostra de ser un bo goberno. O futuro do PP é estar na oposición durante moito tempo”

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, que participará hoxe e mañá nas manifestacións en Avilés e A Coruña en apoio aos traballadores de Alcoa, valorou que “mentres temos este grave problema co emprego, o PP enfrontado pola silla da oposición na Deputación”.

O titular provincial destacou que “o PP embarrado nas súas liortas internas e coa súa forma de facer política; política que todo o mundo rexeita. A cidadanía o que quere é ver que os partidos políticos están preocupados polos problemas da sociedade e non polos seus propios, que hoxe pasan polo enfrontamento de dúas candidatas, non para ser Presidente da Deputación, senón para estar na silla da oposición na Deputación”.

“Con este comportamento, e con este espectáculo público que están dando, cada vez coincide máis xente que o camiño do PP é, sen dúbida, estar na oposición. Creo que o Partido Popular está errado. Hai tempo e tempo para falar de eleccións e candidatos, pero parece que teñen moita presa. E chegar ao poder non van a chegar, porque a xente o que quere é un partido que goberne, non un partido que só desexa poder polo poder, que ande pelexando así como a Delegado da Xunta en Lugo e a que hoxe é a voceira da oposición na Deputación, escenificando unha división evidente entre Barreiro e Feijóo, entre os partidarios dun e doutro. Creo que isto á xente non lle dá tranquilidade, nin esperanza, nin mostra de ser un bo goberno. Polo tanto, o futuro deles é estar na oposición durante moito tempo”.