Deputación de Lugo

A Deputación lanza por toda a provincia outras 26 accións formativas do Pacto polo Emprego para 390 parados lucenses

- Así o avanzou hoxe o Presidente no encontro que mantivo na sede de Cruz Roja con 30 dos 180 desempregados que encheron a cota de prazas da 1ª quenda de cursos do Pacto - A institución leva as novas accións formativas a Viveiro, Foz, Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Lugo, Vilalba, Castro de Rei, A Fonsagrada, Sarria, Chantada e Monforte. Xa poden solicitarse desde hoxe nas oficinas do Servizo Público de Emprego - O organismo provincial ofrecerá proximamente máis cursos, posto que o Pacto inclúe accións formativas para máis de 1.000 parados lucenses

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este martes que a Deputación lanza por toda a provincia outras 26 accións formativas remuneradas e con prácticas laborais en empresas, incluídas no Pacto Provincial polo Emprego II, con prazas para 390 desempregados de todos os Concellos lugueses, agás o de Lugo, posto que conta co seu propio plan equivalente. Os interesados xa poden solicitalas nas oficinas do Servizo Público de Emprego. O único requisito é estar inscrito como demandante de emprego. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088.

As accións formativas son as seguintes:

  • 4 que se celebrarán en Viveiro, con 60 prazas: Técnico en transporte sanitario; Operacións básicas de cociña; Operacións básicas de restaurante e bar; e Limpeza de superficies e mobiliario en edificios locais.
  • 2 en Foz con 30 prazas: Operacións básicas de cociña; e Operacións básicas de restaurante e bar.
  • 2 en Burela con 30 prazas: dúas edicións de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 1 en Mondoñedo con 15 prazas: Atención a persoas dependentes no domicilio.
  • 1 en Ribadeo con 15 prazas: Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 1 en Lugo con 15 prazas: Técnico en transporte sanitario.
  • 2 en Vilalba con 30 prazas: Limpeza de superficies e mobiliario en edificios locais; e Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 1 en Castro de Rei con 15 prazas: Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 1 na Fonsagrada con 15 prazas: Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 1 en Becerreá con 15 prazas: Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 3 en Sarria con 45 prazas: Operacións básicas de cociña; Operacións básicas de restaurante e bar; e Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 3 en Chantada con 30 prazas: Técnico en transporte sanitario; e dúas edicións de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • 4 en Monforte con 45 prazas: Operación básicas de cociña; Operacións básicas de restaurante e bar; e dúas edicións de Atención sociosanitaria e persoas no domicilio.

Máis de 13.200 horas
As accións presentadas hoxe suman un total 13.255 horas de clases teóricas e prácticas en empresas. Os beneficiados recibirán durante todo o proceso unha axuda económica equivalente ao 75% do IPREM, uns 400 euros ao mes, que é a cantidade máxima que permite conceder a normativa que regula o Fondo Social Europeo permite. Esta axuda mensual é compatible coa percepción da prestación por desemprego ou de calquera outra axuda pública da mesma finalidade, sempre e cando o total mensual non supere o 75% do IPREM.

Malia que este programa está dirixido calquera persoa desempregada, teranse en especial consideración, tal e como indican as bases, determinados colectivos con máis dificultades: menores de 30 anos e maiores de 45; desempregados de longa duración; persoas con diversidades funcionais; vítimas de maltrato; persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social; as pertencentes a minorías étnicas; os inmigrantes; mozos que non superaran a ensinanza obrigatoria; coidadores non profesionais que atenden a dependentes; e outros colectivos en risco de exclusión social.

Éxito da 1ª quenda, con todas as prazas cubertas
Gómez Besteiro fixo este anuncio no encontro con 30 desempregados lucenses que participan nas accións formativas “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” e “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”, que se celebran na sede de Cruz Roja na capital luguesa. Ata o momento, a Deputación puxo en marcha 12 cursos do Pacto Provincial polo Emprego II, que se desenvolven nas zonas centro, norte e sur da provincia, concretamente nos Concellos de  Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos, e nos que participan 180 parados lugueses, que encheron a cota de prazas dispoñible.

O Pacto Provincial polo Emprego II inclúe novas accións formativas, polo que proximamente a Deputación lanzará unha terceira quenda para desempregados lucenses. En total, o Pacto contribuirá á inserción laboral de 1.005 parados da provincia nas profesións con máis demanda en Lugo.