Deputación de Lugo

A Deputación apoia a Festa da Androlla de Navia como escaparate da calidade dos produtos autóctonos

O Presidente e a Vicepresidenta Segunda participan na 25ª edición do certame gastronómico, que conta cunha achega de 1.500 euros do organismo provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participan este domingo na 25ª edición da Festa da Androlla de Navia de Suarna, un certame que o organismo lucense apoia como escaparate da calidade dos productos autóctonos da provincia, que contribúe a dinamizar a economía local e desestacionalizar as visitas á comarca da Montaña. A xornada conta cunha axuda económica da Deputación de 1.500 euros.

Gómez Besteiro e Lara Méndez estarán acompañados polo Alcalde de Navia e Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, e polos responsables das áreas provinciais de Xestión Territorial, Manuel Martínez, e Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, nunha xornada que, un ano máis, serve para atraer a centos de persoas a Navia, e impulsar deste xeito un sector fundamental para a localidade. As previsións apuntan a que se venderán entre 5.000 e 6.000 quilos de androlla durante toda a xornada que, ademais de degustacións, conta con actuacións musicais.