Deputación de Lugo

A I Xornada de Goberno Aberto e Transparencia reúne na Deputación a máis de 50 representantes dos concellos de Lugo

- Gómez Besteiro inaugurou esta xornada, na que os asistentes recibiron formación, consellos e chaves sobre o uso das redes sociais e as novas canles de comunicación online nas administracións locais- Antes do comezo do obradoiro formativo foi presentado un informe sobre o uso dos medios sociais nos concellos da provincia, documento pioneiro en Galicia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres a I Xornada de Goberno Aberto e Transparencia, que reuniu no salón de actos do Pazo de San Marcos a máis de 50 representantes dos 67 Concellos da provincia de Lugo.

No acto, Gómez Besteiro destacou “a importancia que teñen as novas tecnoloxías para o Goberno Aberto nunha institución pública como a Deputación de Lugo, que axudan a unha maior transparencia e a mellorar a comunicación cos cidadáns”. O Presidente tamén sinalou a aposta “que levamos facendo dende o organismo provincial dende hai 8 anos polo eido das novas tecnoloxías. Implantamos a Adminsitración Electrónica co cal estamos abertos as 24 horas do día”. Do mesmo xeito, Gómez Besteiro lembrou as posibilidades que teñen as novas canles de comunicación como as redes sociais para favorecer o Goberno Aberto. Neste senso, puxo como exemplo os Orzamentos Participativos, nos que deron a súa opinión máis de 55.000 veciños, ben de xeito individual ou a través de asociacións.

Informe de adopción e uso de medios sociais
O evento serviu como marco da presentación do informe Adopción e uso dos medios sociais e das novas canles de comunicación nos Concellos da provincia de Lugo. Pablo Rivera Capón, Director de Fondos Europeos da Deputación de Lugo, foi o encargado de trazar as súas liñas xerais, así como de salientar o seu “gran valor tanto pola cantidade de datos analizados como pola profundidade e extensión destes".

Este informe, continuou, “constitúe a primeira investigación destas características que existe a nivel galego e unha das primeiras que se publica en territorio español" ao recoller o “traballo de campo sobre a presenza e o uso que os 67 Concellos da provincia fan das webs, das redes sociais e das aplicacións móbiles”, ao mesmo tempo que achega algunhas chaves para unha comunicación eficaz nas novas canles de comunicación adaptadas á realidade da provincia.

O informe, que foi elaborado entre os meses de novembro e decembro de 2014 e mais xaneiro de 2015, recolle unha ficha con case 150 indicadores sobre a adopción e o uso das novas canles de comunicación, así como o resultado dunha enquisa que se distribuíu entre todos os Concellos da provincia, para alén dun amplo estudo con datos agregados sobre a realidade nesta materia. O traballo estará dispoñible para a súa descarga no portal web (www.deputacionlugo.gal) e no blog (blog.deputacionlugo.gal) da Deputación de Lugo.

Obradoiro formativo “Xestión e uso das redes sociais nos concellos”
Durante a xornada, os representantes dos distintos Concellos da provincia de Lugo participaron nun obradoiro formativo, no que recibiron algunhas chaves sobre os beneficios do uso das novas canles de comunicación por parte das administracións locais, así como asesoramento especializado para trazar estratexias e tirar o máximo partido destas ferramentas.

Como crear e xestionar un blog municipal, cales son os aspectos máis relevantes para ter en conta á hora de usar redes sociais como Facebook ou Twitter e como resolver crises de comunicación online foron algúns dos temas tratados no obradoiro. Os asistentes tamén puideron compartir experiencias persoais vividas na realidade dos Concellos de Lugo, así como resolver dúbidas en relación ao manexo dos novos medios sociais.