Deputación de Lugo

A Deputación esixe ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a apertura do centro de recría provincial

- Méndez anunciou que o Grupo socialista presentará no Pleno unha moción denunciando a falta de lealdade institucional do Alcalde, que leva retrasando máis de dous meses a acta de comprobación das obras, imprescindible para a posta en marcha do Centro - A Deputación rexistrou no Concello, o 28 de xaneiro, o preceptivo informe favorable da Xunta, e o 9 de febreiro a petición expresa de dita acta, á que o Concello aínda non respostou

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou hoxe que o Grupo provincial socialista levará ao Pleno que se celebra de mañá unha moción para esixir ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a posta en marcha do Centro público de recría de gando vacún que o organismo provincial ten construído na Granxa Gayoso Castro.

Méndez destacou a “falta de lealdade institucional do Alcalde de Castro de Rei, que está a bloquear a apertura do centro de recría”, xa que a Deputación, coas obras rematadas e contando con todos os permisos ambientais concedidos pola Xunta, só está a agardar pola acta de comprobación das obras, un trámite burocrático elemental que depende exclusivamente do Concello.

A Vicepresidenta destacou que “o rexedor de Castro de Rei xustifica a parálise deste trámite municipal descargando a responsabilidade na Xunta cando non é certo”, subliñou Méndez. De feito, o pasado 28 de xaneiro a Deputación rexistrou un escrito no Concello no que achegaba o preceptivo informe favorable da Consellería de Medio Ambiente e, o 9 de febreiro, fixo o mesmo cunha petición expresa para que o Concello realizase a acta de comprobación á que, polo momento, este aínda non respondeu.

O 1ª Centro público de recría de gando vacún de España, con capacidade para 3.000 reses e no que a Deputación investiu 12 millóns de euros en solitario, será un destacado revulsivo económico para toda a provincia, posto que a súa actividade inxectará uns 4 millóns de euros ao ano, ademais de conseguir aumentar a produtividade, rendabilidade e competitividade das explotacións luguesas, pois os animais acadarán un alto valor produtivo e xenético, de xeito que os gandeiros terá máis tempo e recursos para dedicarllos ás vacas; aforrarán na compra de forraxe, reducirán a contaminación ambiental, e baixarán tamén a carga gandeira, o que poderá darlles acceso a novas axudas públicas.