Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de melloras na estrada de Friol a Parga por case 400.000 euros

- A sesión acordou iniciar o proceso de contratación destas actuacións polo que a vindeira semana publicarase o prego no BOP e abrirase o prazo de presentación de ofertas. A previsión é adxudicalas en abril para a súa inmediata execución- Actuarase nuns 5 quilómetros, nos que se mellorará o firme con aglomerado en quente e a sinalización. As obras beneficiarán directamente aos 600 veciños da zona, así como aos habitantes de Friol e Guitiriz que a empregan a cotío- A Deputación financia con 50.000 euros o servizo de mellora e mantemento dos 34 portais web que creou gratis a outros tantos Concellos a través dos fondos europeos do Innova-TE

A Xunta de Goberno Provincial aprobou este venres o proxecto e o prego das obras de mellora na estrada LU-P-2101 de Friol a Parga, dotadas de 378.500 euros da Deputación. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que a vindeira semana este contrato publicarase no Boletín Oficial da Provincia e abrirase o prazo de presentación de ofertas. Tendo en conta os prazas legais, a previsión é adxudicar estes traballos en abril para a súa inmediata execución.

As obras consisten na rexeneración do firme con aglomerado en quente, sinalización vertical e horizontal, e limpeza de cunetas. Levaranse a cabo nuns 5 quilómetros, que discorren por dous treitos: dende o punto quilométrico 3,100 ao 5,500 e do 11,850 ao 14,250.

Martínez remarcou que “con estas actuacións, melloramos as comunicación dun mínimo de 600 veciños, que son os que residen na zona das obras. Non obstante, o número de beneficiados é maior, posto que temos que ter en conta que este é unha vía empregada de xeito habitual tanto polos habitantes dos Concellos de Guitiriz e Friol, como dos limítrofes. Polo tanto, o conxunto destas actuacións suporán unha substancial mellora nas comunicacións de milleiros de veciños desta Comarca”.

34 portais web nos Concellos
A sesión acordou contratar con 50.000 euros o servizo de mellora e mantemento dos portais web da Deputación e de 34 Concellos da provincia que se puxeron en marcha a través do Innova-TE, o programa tecnolóxico do organismo provincial. Trátanse dos 34 municipios adheridos voluntariamente ao Innova-TE que quixeron esta prestación e a Deputación lles creou gratis aos fondos europeos. Estes son os seguintes: A Pastoriza, A Pontenova, As Nogais, Baleira, Baralla, Becerreá, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Cervantes, Chantada, Guitiriz, O Incio, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, Paradela, Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Taboada e Triacastela.