Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo recibe a Medalla da Facultade de Humanidades no día do seu Patrón

- Gomez Besteiro, Javier Bueno, Mª Isabel González e Xaquín Rodríguez Campos entregaron os premios extraordinarios de fin de carreira a catro alumnos da Facultade- Javier Bueno reclama máis financiación e revela que a de Santiago é a única Universidade Pública galega que non consegue cubrir os custes de persoal coa asignación de fondos da Xunta - En breve comezará unha nova edición de bonificacións nas matrículas do Campus de Lugo e a campaña de captación de talentos que lanzaron Deputación e Vicerreitorado

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu hoxe a Medalla da Facultade de Humanidades en recoñecemento ao apoio que a institución provincial leva mantendo dende hai case 30 anos co Campus de Lugo e con esta Facultade en particular. A entrega tivo lugar no transcurso dos actos conmemorativos de San Isidoro, Patrón de Humanidades.

No acto, no que participaron o Vicerreitor de Coordinación, Javier Bueno Lema; a Decana da Facultade, María Isabel González Rey, e o Catedrático de Antropoloxía Social, Xaquín Rodríguez Campos, cuxa traxectoria tamén foi recoñecida con outra das Medallas entregadas, Besteiro subliñou que “a relación coa Universidade en Lugo mellor non podía ser”.

Nesta liña, o Presidente destacou que “decidín non presentarme á reelección porque considero que 8 anos un cargo son suficientes e hai que deixar paso a outros, pero estou seguro de que o Campus de Lugo vai ter un novo aliado no próximo presidente ou presidenta da Deputación”.

Humanidades, exemplo no Campus
O Presidente agradeceu, así mesmo, na figura da Decana da Facultade, o recoñecemento ao papel da Deputación de Lugo no impulso do Campus, “motor imprescindible” na provincia, unha das máis envellecidas de Europa, ao tempo que destacou o valor do equipo directivo do Vicerreitorado, con Javier Bueno á fronte, “absolutamente comprometido co futuro do Campus e coa procura de fórmulas novas para rexuvenecelo”.

Besteiro agradeceu igualmente o labor do equipo docente de Humanidades, “disposto a demostrar o poder das letras nun campus de Ciencias”, por ser merecedor da valoración máis alta de todo o Campus da USC, así como ao alumnado, que “grazas á alianza do Campus coa Deputación elixiu Lugo como primeira opción para estudar”, a través do Plan de Choque posto en marcha polo organismo provincial para impulsar a matriculación no campus lucense.

De feito, o número de matrículas no Campus lucense incrementou nun 40% nas sete titulacións con menos demanda, entre as que o Grao de Ciencias da Cultura foi o mellor exemplo, ao pasar de 12 a 45 alumnos.

Pola súa banda, o Vicerreitor do Campus lucense, Javier Bueno, denunciou que a Universidade de Santiago de Compostela é a única das galegas que non consegue cubrir os custes de persoal coa asignación de fondos procedentes da Xunta.

Captación de talento
Gómez Besteiro, quen tamén fixo entrega dos Premios Extraordinarios a catro alumnos da Facultade, lembrou que este ano Campus e Deputación repetirán a campaña de bonificación do 50% nos prezos de matrícula das titulacións con menos alumnado. Así mesmo, deu conta do inminente comezo doutras das medidas incluídas nese Plan de Choque, unha campaña de captación de talento.

Pensada para que “os mellores expediente de Galicia estuden en Lugo, en breve abrirase o período de inscrición para que os 135 alumnos con mellor expediente en BAC, FP e graos do Campus estuden en Lugo sen ter que pagar matrícula.