Deputación de Lugo

Lista a residencia e centro de día públicos de Castroverde

- O Presidente, xunto ao Alcalde, inaugurou este mércores o “Residencial O Castro”, que construíu e equipou a Deputación con 1,4 millóns de euros- Ducias de veciños visitaron hoxe estas instalacións públicas que estarán en funcionamento no mes de setembro- O Orzamento Participativo de 2015 xa recolle unha partida de 425.000 euros para poñer en marcha este ano 6 centros para maiores nos Concellos, dando emprego a 60 persoas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, inaugurou este mércores o “Residencial O Castro”, a primeira residencia e centro de día públicos cos que conta este municipio, cuxa construción e dotación de equipamento vén de rematar o organismo provincial cun investimento de 1,4 millóns de euros. Ducias de veciños visitaron hoxe estas instalacións públicas, nunha xornada de portas abertas que arrancou a primeira hora da mañá.
Gómez Besteiro salientou que agora se poñen en marcha os procesos de contratación e avaliación de solicitudes polo que no mes de setembro o centro estará en funcionamento. O Presidente apuntou que o organismo provincial reclamará de novo á Xunta prazas públicas. O Alcalde agradeceu a Besteiro a súa implicación con Castroverde e remarcou outros importantes investimentos da Deputación no Concello, como o polígono ou as piscinas.
O “Residencial O Castro” sitúase no centro da vila de Castroverde, concretamente, entre as rúas Santiago e Alcalde Xesta. Conta cunha superficie útil de 1.800 metros cadrados, tendo en conta as zonas exteriores. O edificio divídese en dúas prantas, de 773 metros cadrados cada unha. Na baixa, sitúanse os servizos de enfermería, primeiros auxilios, cociña, lavandería, recepción, ademais dos espazos comúns, como o comedor ou as salas de lectura e televisión. Na pranta alta, hai 24 habitacións individuais con baño, que poderían ser dobres, segundo as necesidades, para dar capacidade a 48 persoas.

Segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contar cun mínimo de coidadores por número de prazas, así como de 1 médico e 1 ATS que presenten atención ás 24 horas do día. Tendo en contas as características do centro de Castroverde, a Deputación dará traballo ó redor de 8 sanitarios, ademais de persoal auxiliar como administrativos, cociñeiros ou limpeza, entre outros.

Apertura de 6 centros
Xunto co de Castroverde, a Deputación abrirá este mesmo ano outras 5 residencias e centros de día públicos nos Concellos lugueses, creando 60 postos de traballo e ofrecendo novos servizos públicos no rural. De feito, no seu Orzamento para 2015 xa hai unha partida de 425.000 euros para os gastos correntes e de persoal dos centros para maiores.

Con respecto ás obras, están rematadas as de Castroverde e ás da Fonsagrada. O organismo provincial avanza nas de Trabada, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Navia de Suarna. Ademais, está á espera de que o Concello de Guitiriz aprobe a modificación puntual do planeamento municipal (documentación que lle redactou o organismo provincial para axilizar este proceso) para iniciar as da Casa da Botica.

Sen apoio da Xunta
Os Concellos colaboran no financiamento das residencias e centros de día públicos mediante unha achega de 200.000 euros, ao tempo que aportan os terreos necesarios, licenzas e servizos urbanísticos imprescindibles. Son, polo tanto, proxectos conxuntos de Deputación e Concellos de todas as cores políticas, que potencian o benestar social e o emprego, dinamizando a economía local e combatendo o despoboamento demográfico. Ofrecen aos maiores un servizo de calidade no rural para que non teñan que abandonar os seus fogares. Pola contra, a Xunta segue sen dar o seu apoio. Xa no 2011, a Conselleira de Benestar, Beatriz Mato, rexeitou concertar prazas públicas, posto que apuntou, textualmente, que os centros para maiores “non son prioritarios nin necesarios” na provincia lucense. Todo isto cando os datos do Mapa de Equipamentos Sociais, elaborado pola propia Xunta, apuntan que a provincia de Lugo conta con 662 prazas públicas residenciais, e precisa de, polo menos, 1.228 para acadar os ratios mínimos de cobertura asistencial.