Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO INCREMENTARÁ NUN 70% OS FONDOS PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Imaxe deputación de lugo
• A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, explicou que o novo goberno provincial destinará para o financiamento do SAF básico 1,2 millóns de euros, ao aumentar a partida prevista polo bipartito nuns 500.000 euros• Candia subliñou que esta medida permitirá aumentar o número de usuarios do servizo de axuda no fogar, reducir a lista de espera do servizo e mellorar a prestación doutros servizos sociais básicos ao liberar financieiramente aos municipios• A Deputación de Lugo estará en condicións de asumir ata o 70% da contía máxima subvencionable de acordo coas bases que rexen o procedemento das axudas, fronte ao 23% que financiaba o anterior goberno provincial• Neste intre, na provincia de Lugo, o SAF Básico conta con 819 usuarios

Lugo, 3 de xullo de 2015.-A Deputación de Lugo incrementará nun 70% os fondos provinciais para o Servizo de Axuda no Fogar, ao aumentar a partida prevista para 2015 dende os 700.000 euros contemplados polo bipartito ata os 1,2 millóns de euros.

Isto suporá que se duplicaráo financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar con respecto ao que destinaba o goberno anterior a comezos do último mandato. Así, dos 600.000 euros orzamentados polo anterior executivo para 2012, o novo goberno provincial achegará 1,2 millóns de euros.

Para a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, “este acto de xustiza cos veciños e veciñas de toda a provincia” beneficiará, por unha banda, aos usuarios e, pola outra, aos Concellos. Deste xeito, as persoas que reciben o servizo poderán ver reducida a súa achega económica ao ser a Deputación Provincial quen asuma en maior medida a contía. Paralelamente, os 66 municipios poderán ter máis fondos propios liberados ao recibir máis recursos públicos provinciais para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar.

“Con esta decisión o que conseguimos son catro melloras: o incremento no número de usuarios do SAF, a rebaixa da contía que aportan para o financiamento do servizo, a redución das listas de espera e a mellora doutros servizos sociais fundamentais que se presten nos municipios”, explicou CandiaAdemais, esta decisión do novo goberno provincial provocará que a Deputación de Lugo estea en condicións de asumircase o 70% da contía solicitada polos Concellos para este servizo, fronte ao 23% que financiaba o organismo a inicios do anterior mandato.

Medida moi demandada.-
Por outra banda, Candia detallou que se trata “dunha medida longamente demandada polos Concellos da provincia” e á que agora atenderá o novo goberno, no marco da “nova maneira de facer política” que emprendeu a Deputación de Lugo con outras decisións como a subasta do vehículo oficial do anterior presidente.

Así mesmo, indicou que “estamos diante dunha das cuestións nas que máis insistimos no anterior mandato dende a oposición e, polo tanto, agora dende o goberno é un acto de coherencia e responsabilidade o adoptar esta decisión”.

Cumprimento da sentenza de xaneiro de 2015.-
Ao mesmo tempo, a presidenta da Deputación de Lugo lembrou que o TSXG desestimara na súa integridade o recurso interposto polo anterior goberno provincial contra o Decreto de Servizos Sociais 99/2012 ao considerar na súa sentenza de 21 de xaneiro de 2015 que o devandito documento legal “está axustado a dereito”.

Nese senso, Candia amosouse “satisfeita” de poder cumprir coa medida anunciada hoxe o Decreto de servizos sociais, que “é moi claro” no seu artigo 31 sobre a competencia das administracións provinciais, ao sinalar que “as Deputacións Provinciais apoiarán prioritariamente o financiamento do SAF básico aos Concellos de menos de 20.000 habitantes”.

Así mesmo, a presidenta da Deputación destacou que esta mesma sentenza indica que “existe unha obriga por parte da Deputación, que é xuridicamente esixible perante os tribunais para financiar de forma significativa e preponderante o SAF básico dos Concellos de menos de 20.000 habitantes”, polo que se comprometeu a analizar a viabilidade de asumir e saldar “nos vindeiros exercicios” as débedas contraídas pola Deputación Provincial nos anos anteriores “ao ter desatendido as súas obrigas con usuarios e Concellos” en relación ao SAF básico.