Deputación de Lugo

Novo éxito de Termalismo no Camiño

- 250 lucenses maiores de 50 anos accederon a descontos de ata 60 euros en tratamentos nos balnearios da provincia en apenas un mes dende a súa posta en marcha o pasado 18 de maio- Os beneficiarios proceden de 33 Concellos lucenses e na súa maior parte contan con idades comprendidas entre os 60 e 70 anos, seguidos polos de 70 a 80 anos- O programa de ocio medioambiental e saudable continúa aberto ata finais de ano. Para participar só é necesario inscribirse no Rexistro Xeral da Deputación presentando a documentación dispoñible en www.deputacionlugo.gal e unha fotocopia do DNI

Termalismo no Camiño 2015 vén de pechar un existoso primeiro mes. Dende a súa posta en marcha, o pasado 18 de maio de 2015, xa foron máis de 400 persoas, entre titulares e acompañantes os que tomaron parte neste programa posto en marcha pola Deputación de Lugo para impulsar o sector turístico ao combinar o atractivo que ofrecen o Camiño de Santiago e a riqueza termal da provincia.

Ata o de agora, 250 titulares e 180 acompañantes fixeron as súas solicitudes para optar ás 1.200 prazas nos balnearios lucenses dos Concellos de Lugo, Pantón e Palas de Rei, e acceder a paquetes de prestacións con descontos de ata 60 euros.

A maior parte deste beneficiarios proceden do Concello de Lugo, malia que tamén teñen tomado parte veciños procedentes dos Concellos da Pastoriza; A Pontenova; Abadín; Antas de Ulla; Barreiros; Becerreá; Begonte; Burela; Carballedo; Castro de Rei; Castroverde; Cervo; Foz; Friol; Guitiriz; Guntín; Láncara; O Incio; O Páramo; O Valadouro; Outeiro de Rei; Ourol; Pol; Quiroga; Ribadeo; Ribas de Sil; Riotorto; Samos; Sarria; Triacastela; Viveiro e Xove.

En canto ás idades dos 250 partipantes deste último mes, a maior parte, un 43,6%, teñen entre 60 e 70 anos, seguidos polos situados na franxa de idade de 70 a 80 anos, un 32,8%; os de 50 a 60 anos, un 14%, e finalmente os de 80 a 90 anos, que representan un 9,6% do total.

Aberto ata finais de ano
Os lucenses maiores de 50 anos que queiran tomar parte en Termalismo no Camiño, aínda poden facelo, posto que o programa continúa aberto ata finais de ano. Os paquetes de prestacións aos que poden optar son os seguintes:

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
8 técnicas de balneario
1 recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves: programa de animación sociocultural

Por vez primeira, e para achegarse ao maior número de lucenses posible, Termalismo no Camiño tamén ofrece atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, garantíndolles a asistencia para o acceso a piscinas e habitacións, así como programas especificamente deseñados para persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, con entornos adaptados e favorecedores do descanso de familiares e coidadores. Para beneficiarse destas vantaxes só será necesario que o beneficiario acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e presente un informe médico favorable.

Para inscribirse só é necesario presentar no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.gal, xunto cunha fotocopia do DNI. Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou outras entidades.

Unha vez seleccionados, os participantes ou ben un familiar directo poderán recoller na Deputación (Servizo de Relacións Institucionais) os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea.

Máis información en www.deputacionlugo.gal e no 982 260 075.