Deputación de Lugo

A Deputación venderá o leite da Granxa Gayoso aplicando criterios solidarios

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial porá a venda máis de 450 toneladas anuais de leite, un 5% do cal será distribuído pola empresa adxudicataria entre os Bancos de Alimentos da provincia- A Xunta de goberno deste venres aprobará as bases do concurso, que se publicarán no BOP, e nel poderán tomar parte calquera empresa adicada á comercialización de leite- Os interesados terán un prazo de 10 días hábiles para presentar no Rexistro Xeral da entidade toda a documentación esixida nas bases

A Deputación de Lugo venderá o leite producido na Granxa Gayoso Castro aplicando para iso criterios solidarios. A Xunta de Goberno deste venres aprobará as bases que regularán a adxudicación, mediante o procedemento de concurso, do contrato de venda do leite que producen os animais nestas instalacións, parte do cal será distribuído entre persoas necesitadas de toda a provincia.

A cantidade total de leite obxecto do contrato é de máis de 450 toneladas anuais (453.961 quilogramos), cun índice de materia graxa do 3,75%. A empresa que resulte adxudicataria deberá recoller este leite nas propias instalacións da Granxa e terá que destinar un 5% da cantidade total aos Bancos de Alimentos existentes na provincia, isto é, uns 22.700 litros ao ano.

En canto ao procedemento de adxudicación, será o de concurso, e este estará regulado polas bases que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres. Unha vez aprobadas, as bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia, e as empresas interesadas contarán cun prazo de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte ao da publicación, para presentar toda a documentación esixida nas bases no Rexistro Xeral da entidade. Ditas empresas deberán cumprir os requisitos contemplados na normativa reguladora de actividades de comercialización e tratamento térmico do leite de vaca.

Rematado o prazo de presentación de ofertas, estas serán valoradas por unha mesa técnica que terá en conta criterios como o prezo ofrecido nas ofertas que se presenten ou a aplicación de primas e descontos, entre outros. O contrato que se asine terá unha duración dun ano, malia que este poderase prorrogar anualmente ata un máximo de 5 anos.

A Granxa Gayoso Castro conta cunha cabana de algo máis de 100 cabezas de gando frisón, das cales unhas 60 están habitualmente en muxidura (ordeño). As máis de 450 toneladas anuais que producen, indican que estes animais de alta calidade xenética e morfolóxica sitúanse, ademais, nunha media de produción alta.