Deputación de Lugo

García Porto: “Os recortes e as nulas políticas sociais da Xunta obrigan ás familias a recortar nun 20% gastos prioritarios”

Imaxe deputación de lugo
- A Deputada en funcións explicou que “son datos oficiais do INE, que tamén desvela que os galegos traballan máis horas e cobran menos que a media no Estado”- “Vai sendo hora de que a Xunta poña fin ao tixereitazo social e faga verdadeiras políticas soicias. Os parches que anuncia agora, só co único fin de tentar arranxar o desastre electoral e non así os problemas dos cidadáns, son totalmente insuficientes”, subliñou

A Deputada en funcións de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, denunciou este xoves que “os recortes e as nulas políticas sociais da Xunta provocaron que as familias galegas se atopen nunha situación insostible. O único que fixo o Goberno de Feijóo foi recortar, ano tras ano, as partidas para Sanidade, Educación e servizos sociais. Isto obrigou ás familias galegas a reducir os seus gastos en necesidades básicas como comida, roupa e transporte nun 20%, tal como apunta o INE”.

“Esta mesma fonte desvela que os salarios en Galicia seguen a situarse entre os máis baixos de España, cando os galegos traballan máis horas que a media do Estado. Fixénse, segundo o INE, no primeiro trimestre do ano, a media de horas de traballo dos galegos aumentou nun 1,6% mentres que a dos seus soldos só o fixo nun escaso 0,6%. No conxunto do Estado, o incremento medio salarial foi de 1,44% e o de horas traballadas nun 0,7%. É dicir, a fenda salarial entre Galicia e o resto de España segue a aumentar. Os galegos traballan máis horas e cobran menos”, apuntou a Deputada en funcións.

“Vai sendo hora de que a Xunta poña fin ao tixereitazo social e faga verdadeiras políticas soicias. Os parches que anuncia agora, só co único fin de tentar arranxar o desastre electoral e non así os problemas dos cidadáns, como o fondo solidario de libros de texto ou o a exención do copago sanitario a 100.000 persoas, son totalmente insuficientes. Hai milleiros de galegos que deixaron de retirar as súas menciñas por non poder pagalar; milleiros de persoas que se ven na obriga de elixir entre comprar medicamentos ou produtos básicos para o día a día”.

Neste senso, cómpre lembrar que, entre outras medidas, a Xunta obrigou aos pensionistas a pagar polos seus medicamentos e incrementou o copago farmaceutico a persoas con traballo e a desempregados con prestación. Ademais, suprimiu o préstamo universal de manuales escolares.