Deputación de Lugo

A Deputación subvenciona a contratación de 306 desempregados lucenses en 288 entidades e colectivos da provincia co Ben Empregado II

Imaxe deputación de lugo
- A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución dos 248 autónomos, pemes e microempresas, e 40 asociacións sen ánimo de lucro, beneficiadas desta programación- Solicitan 306 perfís profesionais moi diversos, principalmente, os relacionados cos sectores agropecuario e forestal, así como os vinculados ao medio ambiente- O BOP publicará a semana próxima a lista de entidades e colectivos, e a dos perfís. Ao día seguinte desta publicación, abrirase un prazo de 10 días naturais para presentar solicitudes- Martínez subliñou que “unha vez máis, desenmascáranse as mentiras do Goberno de Feijóo sobre a dotación no Hula dos servizos públicos de Radioterapia e Medicina Nuclear”

A Xunta de Goberno aprobou a resolución das 288 entidades e colectivos lucenses beneficiados do Ben Empregado II. Son 248 autónomos, pemes e microempresas, e 40 asociacións sen ánimo de lucro. Desenvolven a súa actividade por toda a provincia, sendo máis numerosas as radicadas nas Comarcas de Lugo, Terra Chá, Zona Sur e A Mariña; seguidas das de Sarria, A Montaña e a Ulloa.

Para satisfacer as súas necesidades laborais, solicitan 306 perfís profesionais moi diversos. Os máis solicitados son os relacionados cos sectores agropecuario, forestal e o vinculados ao medio ambiente, posto que as empresas piden dende veterinarios, peóns en explotacións gandeiras ou enxeñeiros agrónomos e forestais.

Destacan tamén os perfís de carácter social, como educador e traballador social, psicólogo ou monitores de actividades físicas e tempo libre; os administrativos e titulados en administración de empresas; así como os vinculados coa hostalería, turismo e novas tecnoloxías.

A próxima semana, o BOP publicará a listaxe das 288 entidades e colectivos beneficiados; a listaxe das que quedan en reserva, ás que se recorrerá no caso de haber renuncias; e a listaxe das excluídas. Cómpre lembrar que se presentaron un total de 1.700 empresas e asociacións lucenses sen ánimo de lucro. Foron seleccionadas por unha Comisión de Valoración, formada exclusivamente por técnicos, en base a criterios de concorrencia competitiva, garantido, deste xeito, a total imparcialidade e transparencia.

O mesmo día, o Boletín Oficial da Provincial tamén publicará a listaxe dos 306 perfís profesionais solicitados, as bases de selección e o modelo de solicitude. Os interesados terán 10 días naturais a partires do día seguinte da publicación no BOP para facer a súa solicitude.

O voceiro provincial socialista en funcións, Manuel Martínez, destacou que, a través do Ben Empregado II, a Deputación subvenciona con 6 millóns de euros a contratación dos 306 desempregados lucenses solicitados polas 288 empresas e colectivos sociais da provincia. 

Servizos públicos no Hula
Manuel Martínez valorou as últimas informacións publicas nos medios de comunicación sobre a dotación no Hula de Radioterapia e Medicina Nuclear; “a única información, de feito, que temos ao respecto, non só este Goberno Provincial, senón tamén os propios profesionais sanitarios, sindicatos e milleiros de lucenses que levan anos demandando a prestación pública destes servizos na provincia, a única galega que non os ten”.

“Unha vez máis, desenmascáranse as mentiras do Goberno galego de Feijóo sobre a dotación no Hula dos servizos públicos de Radioterapia e Medicina Nuclear. Só polo feito de que se achegaban as eleccións municipais, asegurou que Lugo contaría con estas prestacións antes de rematar o ano. Esta semana descubrimos que, a día de hoxe, a Xunta nin ten planificación, nin previsión, nin iniciou a contratación do persoal. É máis, o único que sabemos é que está a estudar a privatizar destes servizos”

O voceiro engadiu que “non sabemos nada sobre a dotación no Hula de Radioterapia e Medicina Nuclear, e tampouco sobre a de Hemodinámica as 24 horas. Feijóo nin tan sequera respondeu á proposta da Deputación de Lugo para financiar a súa posta en marcha.

“Unha vez máis, desenmarcárase a discrimación da Xunta cos lucenses, os únicos galegos que non contan con estas prestacións na súa provincia. Esiximos ao Goberno galego claridade. Sumámonos ás reclamacións de sindicatos, profesionais sanitarios e veciños de Lugo para participar neste proceso. Así o merecen os máis de 40.000 lucenses que asinaron a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego”.

“E esixímolles a inmediata dotación no público, é dicir, no Hula, dos servizos públicos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas, rexeitando, taxantemente, a súa privatización”, sentenciou.