Deputación de Lugo

A Deputación dinamiza e promove a cultura luguesa rehabilitando a casa natal de Uxío Novoneyra, que hoxe acolleu unha xornada de portas abertas

- O organismo provincial colabora coa Fundación Uxío Novoneyra acometendo a restauración da cuberta da Casa da Fonte, a casa familair do poeta, sede deste colectivo cultural que divulga a obra do lugués - A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou nestas actividades gratuítas e abertas ao público con motivo da celebración anual das Letras Galegas

A Deputación de Lugo colabora coa Fundación Uxío Novoneyra rehabilitando a cuberta da Casa da Fonte, a casa natal do poeta no Courel, que acolle na planta baixa a sede deste colectivo cultural. Trátase dunha fundación, que dende hai 5 anos ten como obxectivo preservar e divulgar a obra de Uxío Novoneyra e que pretende converter a casa familiar do poeta nun espazo aberto á poesía luguesa, galega e universal.

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou hoxe, xunto a decenas de veciños, nas xornadas de portas abertas que acolleu a Casa da Fonte con motivo da celebración anual das Letras Galegas. López Izquierdo informou que a institución luguesa mellorará este espazo, posto que “se enmarca na nosa aposta por dinamizar e promover a cultura luguesa, como sinal de identidade, capaz de xerar actividade económica e riqueza, ao tempo que se revitaliza e fixa poboación no medio rural”. A Deputada tamén lembrou a Uxío Novoneyra, “o poeta do Courel”, e felicitou ao colectivo pola labor que está a realizar. “Agardo que todos os recoñecementos de Uxío Novoneyra redunden na pervivencia das súas obras, que sitúan a este lugués entre os grandes das Letras Galegas”, sentenciou López Izquierdo.

Uxío Novoneyra e a Casa da Fonte
O poeta Uxío Novoneyra naceu na Casa da Fonte, un edificio construído polo seu bisavó. Viviu neste inmoble a maior parte da súa vida, onde se inspirou para escribir Os Eidos, a súa obra máis importante. A Casa da Fonte era o punto de encontro dos numerosos amigos e coñecidos de Novoneyra que se achegaban ao Courel motivados pola súa poesía. Na actualidade este inmoble pertence á súa familia.