Deputación de Lugo

ARMESTO DEFENDE A VALIDEZ DE TODOS OS ACTOS ADMINISTRATIVOS DITADOS POLA XUNTA DE GOBERNO

Imaxe deputación de lugo
O voceiro do Goberno provincial esíxelle aos socialistas que deixen de facer “ruído” e cambien a súa oposición “desnortada” por un cumprimento das súas funcións a prol dos dereitos dos veciños da provincia• O voceiro asegura que os socialistas non están en condicións de “dar leccións en dereito” xa que son moitas as irregularidades administrativas que cometeron durante o seu goberno, “unha feitas públicas e outras de alcance que están por saír”

O voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, defende a validez tanto de todos e cada un dos actos administrativos ditados pola Xunta de Goberno como da constitución deste órgano.
Carlos Armesto explica que os acordos adoptados en Xunta de Goberno son “correctos” e “lexítimos” xa que a presidenta da Deputación estivo en todas as sesións celebradas, a diferenza do que facía o anterior responsable da institución que “non se deixaba ver nas Xuntas de Goberno”. A maiores, o voceiro do Goberno tamén deixou claro a válida constitución da Xunta de Goberno e explicou, neste senso, que o nomeamento dos seus membros é previo ao dos vicepresidentes. En canto á delegación de competencias, o veceiro asegura que non existe ningún efecto xurídico “dado que non hai ningunha competencia resolutiva delegada, residen todas na Xunta de Goberno, no Pleno e na Presidencia”. De todos modos, Carlos Armesto engadiu que “de existir algún erro en canto ao proceso de nomeamento dos vicepresidentes, actuaremos en consecuencia e corrixirémolo, xa que o principal afán do Goberno provincial é actuar sempre en cumprimento da lei”.
Pola contra, Carlos Armesto lamenta que os socialistas e o seu voceiro “de feito, pero non de papel”, Álvaro Santos, “vexan a palla no ollo alleo e non a vexan no seu propio”. O voceiro asegura que os deputados do PSOE na administración provincial “non están en condicións de dar leccións de dereito administrativo”. O popular lembra que son “moitas as irregularidades administrativas feitas públicas en proxectos de gran importancia na Deputación de Lugo co Goberno socialista como é o caso da Granxa Gayoso Castro, e a maiores existen outras actuacións de gran alcance que lamentablemente non compren coa legalidade e que están a piques de saír á luz”.
Por último, o voceiro do Goberno da Deputación de Lugo esíxelle á oposición que deixe de facer “ruído” e pídelles que “fagan unha oposición leal en defensa dos dereitos dos veciños da provincia”. Para Carlos Armesto estase ante unha oposición “descabezada, sen líder natural, cos seus problemas internos sen resolver e simplemente dedicados a facer ruído”.