Deputación de Lugo

A PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN ASINA UN CONVENIO CO CONCELLO DE PEDRAFITA PARA COLABORAR COA FEIRA DO GANDO DA LOCALIDADE

A administración lucense reafirma o seu compromiso coa esta cita anual de gando vacún, que celebrará en setembro a súa XXVII ediciónEsta achega nominativa, por un importe de 3.000 euros, diríxese a subvencionar gastos da organización desta feira

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo, asinaron un convenio de colaboración dirixido a sufragar gastos derivados da organización da Feira do Gando da localidade.
En concreto, o convenio asinado regula a subvención nominativa que a Deputación de Lugo concede ao Concello da Pedrafita para atender a gastos da celebración desta cita anual de gando vacún, que este mes de setembro celebrará a súa XXVII edición.
A achega da Deputación ascende, ao igual que en anualidades pasadas, a contía de 3.000 euros e, deste xeito, o goberno popular na administración lucense reafirma o seu compromiso con esta feira, que se converte nun referente do gando vacún na provincia e que incluso na pasada edición superou a inscrición de máis de 200 exemplares de reses.
A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, quixo poñer en valor este tipo de feiras, que contribúen a dinamización tanto dun sector de especial importancia na provincia como dunha localidade, neste caso, a de Pedrafita do Cebreiro, na que dous terzos da súa poboación teñen fixada a súa ocupación fundamentalmente na agricultura e na gandería.
Por último, Candia asegurou que a institución provincial considera de especial necesidade colaborar con iniciativas que permitan unha mellora na calidade de vida no rural e na dinamización económica dos municipios. “Estas citas achegan a centos de visitantes que converten a esta feira nun motor tanto económico como tamén promocional da produción gandeira da provincia”.