Deputación de Lugo

CARLOS ARMESTO ACUSA A BESTEIRO DE PERDER 1,2 MILLÓNS DE EUROS DE FONDOS EUROPEOS PARA A XERACIÓN DE EMPREGO

Imaxe deputación de lugo
O voceiro da institución destapa que o PSOE imposibilitou a execución do 100% do Pacto Provincial polo Emprego II• Carlos Armesto explica que os socialistas, responsables da área de emprego, tan só executaron en tres anos e medio o 25% do programa

O voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, deu conta hoxe do grao de execución dos fondos destinados ao Pacto Provincial polo Emprego II dos que a nefasta xestión dos socialistas farán que se perdan 1,2 millóns de euros. Tal e como achegan os informes técnicos, a irresponsabilidade do bipartito na xestión deste programa “imposibilita a súa execución ao 100%”. Tanto é así, engade Armesto, que en tres meses o Goberno provincial que dirixe Elena Candia certificou un importe superior ao que o PSOE executou en tres anos; 2.035.708,84 euros, fronte a 1.063.708,25 euros.
O voceiro revelou que, “pese á axilidade e prioridade que se lle deu a este programa desde o novo Goberno provincial coa nosa chegada á Deputación, os retrasos cos que nos atopamos imposibilitan o seu cumprimento en só un trimestre”. Armesto fixo fincapé no feito de que o PP recibiu un proxecto no que a tres meses do peche se atopaba sen executar o 75,45% do orzamento.
“É inviable executar en só tres meses o 75,5% do programa cando en tres anos e medio tan só desenvolveron o 25%” o que pon de manifesto, segundo Armesto, “a incapacidade do bipartito, nomeadamente do PSOE, encargado da área de emprego, para xestionar este tipo de programas. “Agora temos que asumir esta irresponsabilidade do actual goberno, un feito moi grave tendo en conta que falamos de fondos europeos para a xeración de emprego”.
Perda de 1,2 millóns de euros
Tendo en conta as anualidades do plan, dotado con 4,1 millóns de euros, a Deputación provincial estima que a 30 de setembro, data de peche do programa, o PSOE botará a perder 1.210.000 euros para a formación de desempregados, dos que 960.000 euros son fondos europeos. “Aquí demóstrase a preocupación que o Señor Besteiro tiña pola xeración de postos de traballo, que só lle preocuparon á hora de obter réditos electorais”.
Anualidade a anualidade, dos 1,9 millóns de euros destinados ao exercicio de 2012, os socialistas non executaron nin un só euro. O mesmo aconteceu cos 800.000 euros do ano 2013. En 2014, certificaron gastos por importe de 7.028,24 euros, un 0,17% do plan. Polo tanto, en 2014 estaba acumulado o 99,83 do plan, é dicir 4.031.094,04 euros.
O Goberno do PP tratou de axilizar ao máximo o plan certificando un importe total de 1.063.708,25 euros. As previsións indican que ao peche do proxecto, o 30 deste mes, queden pendentes de executar 1,2 millóns de euros, “unha irresponsabilidade da que PSOE e BNG terán que dar conta”, conclúe Armesto.