Deputación de Lugo

O GOBERNO PROVINCIAL ACREDITA QUE O PROXECTO DO PSOE PARA O FOGAR DE SANTA MARÍA ERA INCOMPLETO E NON CONTABA COA DOTACIÓN ORZAMENTARIA SUFICIENTE

O PP mostra a súa sorpresa pola celeridade de Pilar García Porto cando o seu Goberno ten gastado 300.000 euros no aluguer das actuais instalacións• Carlos Armesto censura aos socialistas por pretender que a Deputación incumpra a normativa vixente

O voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para acreditar que a proposta do PSOE para adecuar a planta alta do antigo Fogar de Santa María como Servizo de Recadación responde a un proxecto incompleto e sen a dotación orzamentaria suficiente.
“Non só se esqueceron dos traballadores durante oito anos senón que ademais omiten a existencia dun informe Provincial de Traballo e de Seguridade Social que deixa constancia das inadecuadas condicións nas que prestan os seus servizos”, precisa Armesto. Ao equipo de Goberno chámalle a atención a celeridade que veñen de amosar os socialistas cando na súa etapa á fronte da institución gastaron máis de 300.000 euros no aluguer da sede actual.
“E agora presentan unha iniciativa para o Pleno na que piden que se lle dea continuidade a un proxecto que o propio Concello de Lugo ten rexeitado. Ou Pilar García Porto se está a burlar dos lucenses ou descoñecía o traballo que se estaba a facer na área da que era responsable e ningunha das opcións a deixa en bo lugar”, censura o voceiro.
O equipo de Goberno da Deputación Provincial considera que atender a petición dos socialistas suporía incumprir a normativa vixente. Carlos Armesto explicou que o edificio, propiedade do Concello e cedido á Deputación por 99 anos, precisaría de diversas obras para poder acoller o Servizo e Recadación.
Armesto deu conta da existencia dun proxecto básico de 2014 cun presuposto de licitación de 376.120,51 euros. O sorprendente, segundo explicou o voceiro, é que o PSOE redacta este proxecto tendo informes técnicos que din que o uso do proxecto non se adaptaba ao planeamento en vigor do Concello de Lugo, que o orzamento non acadaría o grao de intervención necesario para cumprir a normativa. “Trátase dun proxecto inviable porque había actuacións como a intervención na cuberta para garantir a seguridade contra o risco de incendio que non figuraban no orzamento”, matiza.
A Deputación conta ademais cunha comunicación de abril de 2015 do Concello de Lugo na que se lle da traslado dun informe desfavorable do proxecto alegando que non xustifica nin o cumprimento da normativa acústica nin o da medioambiental. Pídeselles ademais completar o proxecto e presentar un estudo de seguridade e saúde. De novo, e tras a resposta da Deputación, o Concello emite un novo documento desfavorable ao proxecto no que se indica que non cumpre co código de edificación, nin ten licenza urbanística municipal e incluso se advirte que podería implicarar problemas estruturais para o edificio.
En resumo, o equipo de Goberno Provincial desmonta unha iniciativa do PSOE que nin convence ao Concello de Lugo, nin cumpre a normativa vixente, amais de ser unha solución cara e longa que lle podería incluso ocasionar riscos estruturais ao edificio. “Estamos ante unha nova chapuza dos socialistas, do Señor Besteiro e da súa pupila Piar García Porto”, engadiu o voceiro.
Solucións
Pola súa parte, o Goberno da Deputación estuda solucións para os traballadores o que inclúe, estudar a proposta da Cámara de Comercio, entre outras. O obxectivo, tal e como manifestou Armesto, é acadar a mellor ubicación posible para o Servizo de Recadación optimizando e rendabilizando os fondos públicos.”