Deputación de Lugo

O Presidente convida aos 67 Concellos a sumarse ao proxecto gratuíto para mellorar a xestión de residuos

- Campos Conde inaugurou a xornada informativa sobre o proxecto “Optimización na xestión de residuos”, que arrancan Deputación e Eixo Atlántico - Fano estudando en cada un dos municipios que o desexen os custos, a organización ou aspectos sociais e medioambientais da xestión de residuos. Os Concellos recibirán nos vindeiros días o protocolo para sumarse. Máis información no 982-22-78-12 - En base aos resultados faranse propostas para reducir custos, ofrecer un servizo máis eficiente e respetuoso co medioambiente. “Unha das miñas prioridades como Presidente é ofrecervos todas as vías de colaboración que sexan posibles nesta materia”

O Presidente, Darío Campos Conde, inaugurou este venres a xornada informativa sobre o proxecto “Optimización na xestión de residuos”, que pon en marcha Deputación e Eixo Atlántico para mellorar este servizo nos Concellos. Campos Conde convidou aos 67 municipios a sumarse a esta iniciativa, que é totalmente gratuíta para eles, e que arranca coa elaboración dun minucioso estudo sobre esta prestación en cada un dos Concellos.

Hoxe a Xunta de Goberno xa aprobou o protocolo de colaboración para que se adhiran os municipios, e que recibirán nos vindeiros días. Poden obter máis información no departamento de Medio Ambiente da Deputación ou chamando ao 982-22-78-12. 

Para realizar o estudo, técnicos da área de Medio Ambiente da Deputación e da Axencia Ecolóxica Urbana do Eixo Atlántico avaliarán indicadores do servizo de xestión de residuos, como por exemplo os económicos, organizativos, sociais ou medioambientais. Estes profesionais desprazaranse aos municipios e estarán en continua comunicación cos mesmos para recabar toda a información.  

“Con isto, queremos conseguir ter a primeira “radiografía” do servizo de xestión de residuos nos Concellos da provincia, subliñou Campos Conde. En base a este estudo, Deputación e Eixo Atlántico farán propostas para reducir custos aos Concellos pola xestión de residuos e ofrecer un servizo máis eficiente aos veciños, así como máis respetuoso co medioambiente de cara a cumprir coa Directiva Marco sobre residuos de 2020.

“Como Alcalde que son, sei de primeira man que a xestión de residuos é unha das prestacións máis custosas para os Concellos, ademais de ser un servizo imprescindibles para os nosos veciños, que require de melloras en todos os sentidos. Por iso, unha das miñas prioridades como Presidente da Deputación, é ofrecervos todas as vías de colaboración que sexan posibles nesta materia”, remarcou. 

Na xornada informativa participaron a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo; Manuel Rodríguez, Técnico do Eixo Atlántico, así como Alcaldes e tecnicos municipias da provincia.