Deputación de Lugo

O campus de Lugo aposta pola compostaxe coa posta en marcha de composteiros abertos a toda cidadanía

Os dispositivos para depositar residuos domésticos permanecen instalados nas inmediacións do edificio Cactus

Lugo, mércores 11 de novembro de 2015. O campus de Lugo aposta pola compostaxe coa apertura nas inmediacións do edificio Cactus duns composteiros, que permanecerán a disposición tanto dos membros da comunidade universitaria como de todas aquelas persoas que adoiten depositar os seus refugallos domésticos nos recipientes habilitados para tal uso na sede universitaria luguesa.

A posta en marcha destes composteiros, uns colectores financiados pola Deputación Provincial de Lugo, é unha acción incluída no programa de actividades do Plan de Desenvolvemento Sostible, promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, que responde a unha iniciativa da Escola Politécnica Superior e da Facultade de Veterinaria.

O obxectivo que procura a USC coa apertura deste punto de compostaxe no campus lugués é o de mobilizar refugallos domésticos xerados nas cafeterías universtiarias das facultades universitarias para xerar compost que posteriormente pode ser empregado para enriquecer o solo da finca de prácticas da EPS, así como os solos dos hortos situados na contorna do edificio que acolle a sede do IBADER.
O acto de posta en marcha dos composteiros instalados no campus de Lugo contou coa participación de profesores e alumnos da USC, así como da técnico de Adega María Lafuente, quen guiou un obradoiro de compostaxe.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva;  a responsable da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira; a deputada provincial responsable da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, o coordinador do Plan de Desenvolvemento Sostible na EPS, Emilio Carral Viariño, ademais de membros do equipo de dirección da EPS, tamén participaron na sesión de apertura dos primeiros composteiros habilitados no campus lugués, a través dos que a USC busca sensibilizar á cidadanía sobre idoneidade desta práctica para rexenerar parte da enerxía consumida.
A deputada provincial responsable da área de Medio Ambiente manifestou o seu desexo de que que a instalación de varios composteiros na sede universitaria luguesa sexa a primeira dunha futura rede de composteiros tanto no municipio como na provincia de Lugo. Convencida de que a compostaxe é unha boa opción para a reciclaxe dos residuos orgánicos domésticos, López Izquierdo adiantou o compromiso da Deputación Provincial de seguir a potenciar este tipo de prácticas a través de distintas iniciativas formativas e de divulgación.