Deputación de Lugo

O Goberno aproba 3,1 millóns de euros en impulso do emprego, das políticas sociais e do rural  

- O Executivo fai esta inxección económica na provincia dende diferentes vertentes (435.000 euros dende os Concellos, 218.000 a través do tecido asociativo e 2,5 millóns de euros con programacións propias), que conflúen nun mesmo fin: atender ás persoas
- O Presidente apuntou que, ademais dos investimentos que se levaron aos Concellos para responder a necesidades específicas dos mesmos, o Goberno levou aos municipios 8 programacións de máis de 10 millóns de euros, distribuídos por criterios obxectivos
- O Vicepresidente destacou que son 195 as empresas e entidades beneficiadas das axudas de 2,4 millóns de euros do Ben Empregado 3,  coa que se financia a contratación de 212 desempregados. A comezos do 2017, abrirase a solicitude dos empregos

O Presidente, Darío Campos Conde, acompañado polo Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, informou este luns que o Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno investimentos de 3,1 millóns de euros en impulso do emprego, das políticas sociais e do rural. “As políticas de actuación deste Goberno xiran ao redor destes tres piares co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades nunha provincia, como Lugo, envellecida, cunha ampla dispersión poboacional e afectada polo despoboamento demográfico. E todo isto, para atender aos máis de 350.000, facendo que esta institución sexa unha Deputación coas persoas, unha Deputación social e unha Deputación co rural”, apuntou o titular provincial.

Campos Conde explicou que “baixo esta premisa”, o Goberno aprobou na sesión deste luns investimentos de 3,1 millóns de euros, que “inxectamos na provincia dende diferentes vertentes, que conflúen nun mesmo fin: atender ás persoas”.

1.- Inxección económica de 435.000 euros dende os Concellos.  O Presidente avanzou que se aprobou o inicio da contratación dos primeiros traballos, dotadas de 103.700 euros, da construción dun centro de maiores público en Becerreá. Consisten na demolición do inmoble do antigo fogar escola e no acondicionamento dunha parcela de case 6.000 metros cadrados, onde se situará a residencia e centro de día. Acordouse achegar 135.000 euros á construción dun paseo peonil en Sargadelos, no Concello de Cervo; 40.000 euros á dotación dunha pista multideportiva no municipio de Láncara; 39.700 euros para o arranxo da cuberta do pavillón deportivo da parroquia de Sante, en Trabada; 28.800 euros para a mellora dos accesos públicos ao centro sociocultural de Mosteiro, en Pol; 41.900 euros para a posta en marcha dun proxecto de fomento deportivo na Pobra do Brollón; e 45.700 euros para traballos arqueolóxicos no Castro de Castelón e no Chao de Penaparda, na Fonsagrada.

Campos Conde remarcou que “en todas as Xuntas de Goberno, estamos a levar investimentos aos 67 Concellos da provincia, sen discriminación algunha. Facémolo, custeando actuacións concretas, que responde ás específicas necesidades dos veciños da cada municipio, como as que hoxe aprobamos; ou a través de programacións provinciais, cuns mesmos obxectivos que nos marcamos para o conxunto do territorio, que é o fomento do emprego, das políticas sociais e dos servizos públicos no rural, pero que, ao mesmo tempo, adaptamos a cada Concello”.

Máis de 10 millóns de euros
Deste xeito, o Presidente apuntou que no 2016, a maiores dos investimentos para actuacións concretas nos 67 Concellos; o Goberno da Deputación levou a todos os Concellos 8 programacións provinciais, que adaptou ás necesidades de cada municipio, recolléndoas en convenios por Concello e programación, ata elaborar 528 convenios. Isto permitiu inxectar nas arcas municipais máis de 10 millóns de euros, que se distribuíron en base a criterios obxectivos, e que cumpren cos obxectivo do Executivo na provincia: fomentar o emprego, as políticas sociais e os servizos públicos no rural. 

Son exemplo disto:

- o DEPUEMPREGO de 3 millóns de euros, que xera 263 novos postos de traballo nos Concellos e reforza a prestación de servizos públicos municipais. Este investimento distribuíuse en base á taxa de paro, superficie, entidades de poboación e núcleos poboacionais de cada Concello.

- o SAF de 1,5 millóns de euros, servizo que presta atención a 1.800 maiores da provincia. Este investimento distribuíuse en base ao índice de envellecemento, poboación, superficie e unidades de poboación de cada Concello.
 
- o POS ao que o Goberno da Deputación achegou 3,7 millóns de euros para obras municipais nos Concellos, triplicando o investimento da Deputación con respecto ao ano pasado. Este orzamento tamén se distribuíu en base á poboación, superficie, entidades de poboación e esforzo fiscal de cada Concello.

- o Plan de Aforro Enerxético de 1,5 millóns de euros, que se distribuíu en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal de cada Concello.

- o Plan de Tic´s para que os Concellos cumpran coas novas leis que obrigan cambios nas súas ferramentas tecnolóxicas de 300.000 euros, que se distribuíron atendendo á superficie, poboación, esforzo fiscal e unidades de poboación de cada municipio.

- as axudas de 80.000 euros coas que financiar actividades culturais nos municipios, que se distribuíron en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal e equipamentos culturais de cada Concello.

- as axudas de 80.000 euros coas que financiar actividades deportivas, que se distribuíron en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal, instalacións deportivas e clubs deportivos de cada municipio.

- e as axudas doutros 80.000 euros coas que financiar pequenas obras de mellora ou a compra de equipamento para instalacións públicas culturais. Estes fondos distribuíronse, atendendo á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal e equipamentos culturais de cada Concello.

2.- Inxección económica de 218.000 euros dende o tecido asociativo.  Ademais de dito investimento de 435.000 euros na provincia dende, neste caso, 7 Concellos da provincia; o Executivo tamén aprobou outra inxección económica de 218.000 euros a través de colectivos sen ánimo de lucro. Trátanse de colaboracións con iniciativas que contribúen á igualdade de oportunidades e á dinamización social e económica da provincia:

- 40.000 euros á Asociación Instituto Fundacional Líder para a organización da Copa Deputación de Fútbol e Baloncesto Base. É un proxecto que contribúe á dinamización social e económica da provincia a través do deporte, pois nel participan uns 5.000 rapaces de entre 7 e 18 anos, que integran os máis 200 equipos de fútbol e baloncesto base que hai na provincia.

- 25.000 euros ao Club Estudiantes para a organización do Campionato de España Infantil, que reúne na provincia, durante unha semana, a 500 xogadores de 32 equipos, sendo capaz de congregar a máis de 2.500 espectadores e de deixar un volume de negocio na provincia de máis de 1 millón de euros.

 - 18.000 euros á Asociación Liga Noroeste de Traineiras para a organización da Regata Banceira a Mariña de Traíñas. É unha competición na que participan unhas 20 traiñeiras, 500 remeiros e uns 300 espectadores.

- 35.000 euros á ASPANANE Viveiro para colaborar na reforma do centro ocupacional deste colectivo, no que, a día de hoxe, se atenden a unhas 35 persoas con necesidades especiais.

- e 100.000 euros a 14 colectivos veciñais, que executaron melloras en accesos, traídas de auga e centros socioculturais públicos de núcleos rurais, que, principalmente, viven do sector primario.

3.- Inxección económica de 2,5 millóns dende programacións do Goberno. Finalmente, o Executivo aprobou investimentos de 2,5 millóns de euros para a posta en marcha de dúas programacións provincias, que xeren e fomenten o emprego na provincia. Trátanse da adxudicación dun plan estratéxico de turismo por valor de 58.000 euros, que permitirá a posta en marcha do Plan Integral de Turismo; e a resolución das axudas de 2,4 millóns de euros do Ben Empregado 3, máis social.

212 novos empregos en 195 empresas e entidades da provincia
Ao respecto, o Vicepresidente informou que son un total de 195 axudas económicas, que reciben outras tantas empresas e entidades sociais da provincia, para a xeración de 212 novos postos de traballo, que contribúan ao desenvolvemento dos seus proxectos.

Santos Ramos indicou que o Ben Empregado 3, máis social, inclúe 3 liñas de actuación:
 
- unha liña dirixida a empresas, para financiar ao 50% os custos laborais de novos traballadores. Son 131 empresas lucenses as beneficiadas. Solicitan 144 perfís laborais.

- outra liña tamén para empresas para financiar ao 100% a contratación de novos traballadores con capacidades diferentes ou de difícil inserción laboral. Benefícianse desta liña 38 empresas, que solicitan 40 perfís laborais.

- e, finalmente, unha liña para entidades sociais, ás que se lles financia ao 100% a contratación de novos traballadores. Benefícianse desta liña 26 asociacións, que reclaman 28 perfís laborais.

Nas vindeiras semanas, o Goberno da Deputación publicará os 212 perfís laborais que reclaman estas 195 empresas e entidades sen ánimo de lucro na provincia, e abrirá o prazo de solicitude para que desempregados lucenses opten a estes novos postos de traballo, que xeran nos Concellos da provincia. Os perfís son moi variados: camareiros, administrativos, enxeñeiros, mecánicos, animadores socioculturais, cociñeiros...