Deputación de Lugo

145 lucenses reciben formación gratuíta sobre a rehabilitación de vivendas sostibles na provincia

- Campos Conde entregou este mércores os diplomas das accións formativas do proxecto Reacciona 2020, que ten en marcha a Deputación e a APEC - Os cursos están relacionados coa rehabilitación de vivendas e co aforro exexético, como a colocación de aislantes, instalacións de xeotermia, de biomasa ou parámetros económicos que avalían a rendibilidade das actuacións en eficiencia enerxética - Remarcou que dende a Deputación “apostamos e apoiamos decididamente a dinamización do sector da construción na provincia de Lugo. Queremos que se creen postos de traballo, queremos que se cree emprego. Ese é o noso máximo obxectivo”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, Hipólito Trinidad, e o Xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo, entregaron este mércores os diplomas das accións formativas do proxecto Reacciona 2020, que organiza APEC xunto coa Deputación.

145 alumnos de toda a provincia participaron nas 7.500 horas de cursos de formación que están relacionados directamente coa rehabilitación de vivendas e co aforro exexético, como por exemplo, a colocación de aislantes, instalacións de xeotermia, instalación de biomasa ou parámetros económicos que avalían a rendibilidade das actuacións en eficiencia enerxética.

Campos Conde remarcou que o programa Reacciona 2020 foi unha clara aposta da Deputación polo impulso na rehabilitación sostible de vivendas na provincia. “Por un lado, pretendemos dotar de novas capacidades no ámbito da rehabilitación e eficiencia ás empresas e aos traballadores do sector da construción. E por outro apostamos por sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de cumprir cos obxectivos enerxéticos e concienciar aos traballadores sobre a necesidade de actualizar as súas competencias en materia enerxética”.

O Presidente sinalou que dende a Deputación “apostamos e apoiamos decididamente a dinamización do sector da construción na provincia de Lugo. Queremos que se creen postos de traballo, queremos que se cree emprego. Ese é o noso máximo obxectivo”.

Unha das preocupacións que a APEC trasladou a Deputación foi a necesidade de renovación do sector da construción, xa que poden darse casos de que non haxa persoal cualificado para absorber a demanda. Ese foi un dos motivos polos que o ente provincial puxo en marcha este Plan.

Congreso 10 e 11 de xuño
O Plan Reacciona 2020, continua e segue dando os seus froitos, por iso Campos Conde lembrou que os días 10 e 11 de xuño a Deputación celebrará unhas xornadas que levan por título Rexeneración Urbana e Territorial. Un pioneiro congreso que vai reunir a reputados arquitectos e catedráticos de Arquitectura. Este encontro pretende impulsar a construción na provincia, é dicir construír con responsabilidade respectando o noso entorno.