Deputación de Lugo

112 operarios e 64 máquinas compoñen o Plan Invernal co que a Deputación acondiciona estradas municipais e provinciais

- O operativo permite garantir a seguridade nas estradas provinciais e municipais dos 67 Concellos, con asistencia técnica as 24 horas e suministro de sal gratuíto - Fernández Queipo destacou que “a Deputación pon a disposición dos municipios todos os seus recursos humanos e técnicos, para facer máis seguraS as estradas da provincia” - O dispositivo conta con 35 toneladas de sal para os 12 silos, que se encontran en Cervantes, Folgoso do Courel, Becerreá, A Fonsagrada, Ribas do Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo

O Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, presentou este xoves na Fonsagrada o Plan Invernal que ten en marcha o organismo provincial para garantir a seguridade nas estradas provincias e municipais durante os meses de inverno, e sen custe algún para os Concellos da provincia . Con este plan créanse, ademais, postos de traballo xa que se contratou a sete empresas luguesas con experiencia en actuacións relacionadas coa neve e co xeo.

Fernández Queipo destacou que “a Deputación, vai a poñer todos os seus recursos, tanto humanos como técnicos, á disposición dos veciños da provincia, para facer a rede viaria provincial e municipal o máis segura posible na época de neve e xeo. Así, temos despregados un total de 112 operarios e 64 máquinas, e dispoñemos de máis de 420 toneladas de sal nos 12 silos, situados estratexicamente noutros tantos Concellos da provincia”.

Cómpre subliñar que a rede viaria de Lugo é a máis extensa de España, xa que conta con 4.200 quilómetros de estrada, dos que máis de 1.500 quilómetros están por riba dos 600 metros de altitude e 800 a máis de 800 metros con respecto ao nivel do mar.

A Deputación de Lugo, a diferenza doutras administracións públicas do país, ofrece esta asistencia, de xeito totalmente gratuíto, a todos os Concellos da provincia que o soliciten. De feito, en intensos temporais, o organismo provincial tamén actúa en estradas da provincia de León, pois lindan coas de Lugo.

Zonas de actuación
O dispositivo despregado pola Deputación atópase dividido en 8 zonas da provincia. Por cada unha delas, hai 8 vehículos -2 máquinas quitaneves con cuña, 2 tractores adaptados con saleiro e cuña, 2 pick up, adaptadas con cuña e saleiro e 2 vehículos de apoio con medios mecánicos- e 14 operarios. Isto significa que, en total, a Deputación ten 64 máquinas e 112 operarios previstos para actuar durante as 24 horas do día en calquera punto da provincia. A parte desta maquinaria, o dispositivo tamén conta con varias máquinas do parque móbil,  como palas mixtas ou camións, que se engaden ao protocolo de actuación se é preciso.

As zonas de actuación son:
- Zona 1, con 530 quilómetros de vías, nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 2, con 618 quilómetros, no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
- Zona 3, con 668 quilómetros, en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
- Zona 4, con 680 quilómetros, en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
- Zona 5, con 332 quilómetros, en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 6, con 334 quilómetros, en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 7, con 313 quilómetros, en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
- Zona 8, con 738 quilómetros, en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

12 silos
O organismo provincial conta con 35 toneladas de sal para os 12 silos, que se encontran en Cervantes, Folgoso do Courel, Becerreá, A Fonsagrada, Ribas do Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Como vén ocorrendo nos últimos anos, a Deputación suministra aos Concellos sal, de xeito totalmente gratuíto, para a súa aplicación nas estrada municipais.

Actuacións 2016
Fernández Queipo sinalou que durante o ano 2016 o organismo provincial atendeu máis de 600 incidencias e empregou 1.132 toneladas de sal. Ademais, leváronse a cabo tres actuacións de rescate de cidadáns atrapados na rede viaria provincial, cun tempo máximo de resposta dunha hora.