Deputación de Lugo

O Goberno aproba en tempo récord actuacións de 90 millóns do Orzamento de 2016 en beneficio de todos os lucenses

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente agradeceu aos compañeiros do Executivo e, especialmente, aos traballadores da institución “o traballo levado a cabo nos últimos 7 meses”, que permitiu deixar o 90% dos fondos cos que contou a Deputación no 2016 aprobados - Campos apuntou que se están poñendo en marcha as derradeiras actuacións con cargo ao 2016, -a semana pasada o Ben Empregado 3 de 2,4 millóns de euros, que xera 193 novos empregos na provincia ou obras de 1,6 millóns de euros en estradas-, para pechar o exercicio e concluír a liquidación para coñecer con exactitude o presuposto de 2017 - Rematada a liquidación e contrastados os ingresos por parte do Estado, -publicados nos pasados días-, coa previsión feita para elaborar o borrador do novo Orzamento, o obxectivo do Goberno da Deputación é aprobar as contas de 2017 en febreiro - O Presidente remarcou que “non se me ocorre presumir de ter asinado o decreto para prorrogar os Orzamentos, como fixo Feijóo apuntando que o facía porque lles prometera aos galegos non parar Galicia. A obriga dos responsables de todas as administracións públicas é aprobar os orzamentos para pór a disposición dos cidadáns o que lles corresponde: os cartos públicos das institucións para mellorar a súa calidade de vida”

O Presidente, Darío Campos Conde, destacou este martes que o Goberno da Deputación conseguiu aprobar en tempo récord actuacións de 90 millóns de euros do Orzamento de 2016 en beneficio de todos os lucenses. Campos Conde, que fixo estas declaracións a preguntas dos xornalistas antes do inicio do Pleno Provincial, quixo agradecer ao seus compañeiros no Executivo e, especialmente, a todos os traballadores da institución o traballo levado a cabo durante os últimos 7 meses, logo da aprobación definitiva e entrada en vigor das contas provincias do ano pasado, pois isto supuxo ter aprobados o 90% dos fondos cos que contou o organismo provincial no 2016.

“A nosa prioridade foi executar o orzamento de 2016, pois aprobouse moi tarde” (foi o 30 de xuño cando se publicou no Boletín Oficial Provincial, podendo iniciar a súa execución o 1 de xullo). Dende entón e ata agora, o Goberno da Deputación puxo en marcha actuacións por valor de 90 millóns de euros. A pasada semana, o Executivo arrancou o Ben Empregado 3, dotado de 2,4 millóns de euros e que ofrece a lucenses no paro 193 novos postos de traballo en toda a provincia; ou acordou obras de 1,6 millóns de euros en estradas, sendo as derradeiras do Plan Integral na rede viaria provincial para 2016, que acadou un investimento total de 6 millóns para mellorar 120 quilómetros de 40 estradas, que discorren por 26 Concellos lugueses.

O Presidente indicou que “non paramos de poñer en marcha actuacións en beneficio dos máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos. Estamos acordando as derradeiras con cargo ao orzamento de 2016, o que nos permitirá pechar este exercicio e rematar coa liquidación para coñecer con exactitude os fondos da Deputación neste 2017”.

Na actualidade, os técnicos provinciais están comparando a previsión de ingresos por parte do Estado que realizaron para poder elaborar o borrador do Orzamento de 2017, cos ingresos que finalmente se van a contar, coñecidos nos pasados días, cando o Ministerio de Facendo os publicou na súa páxina web. Cómpre subliñar que estes ingresos supoñen o 80% dos fondos da Deputación. Simultaneamente, están a concluír coa liquidación do presuposto de 2016. Campos Conde apuntou que “o noso obxectivo é aprobar o Orzamento de 2017 en febreiro, intentando acadar a unanimidade. Houbo reunións co BNG e hai boa sintonía. Reunirémonos con todas as formacións políticas”.

Decreto para a prórroga dos orzamentos
O titular provincial fixo unha “reflexión” e apuntou que “recentemente, Feijóo presumía nos medios de comunicación que viña de asinar o decreto mediante o cal se prorrogan os Orzamentos da Xunta, pois prevé aprobar os de 2017 a mediados de febreiro. Feijóo destacaba que prorrogaba os presupostos porque lles prometera os cidadáns que Galicia non ía a parar e que así se garantían os pagos”.

“Nós tamén asinamos o decreto polo que se prorrogan os presupostos ata a aprobación dos de 2017, e con isto, como en todas as administracións, tamén garanten todos os pagos, pois prorróganse as partidas de gastos correntes. Pero, a diferenza do Goberno de Feijóo, creo que isto non é motivo para presumir”.

“Eu, nin moito menos, se me ocorre facelo. Creo que a obriga que temos os responsables políticos de todas as administracións públicas é aprobar os orzamentos para poñer a disposición dos cidadáns o que lles corresponde: os cartos públicos das institucións para mellorar a súa calidade de vida. Nós estámolo a facer cos derradeiras actuación do orzamento de 2016. A miña prioridade, como o foi o ano pasado, é facelo tamén no 2017, aprobando o novo presuposto cantos antes”, concluíu.