Deputación de Lugo

Nenos de toda a provincia plantan ameneiros nos colexios coa Semana da Árbore e da Auga do Goberno da Deputación

- O Presidente sumouse á plantación do ameneiro que levaron a cabo os case 230 cativos do CEIP a Ponte, na capital luguesa. Simultaneamente, alumnos doutros centros escolares do centro lugués, Mariña, Montaña e Sur levaron a cabo a mesma iniciativa
- 15.000 alumnos de 103 colexios de toda a provincia realizaron actividades durante toda a semana para as que o Executivo da Deputación lle remitiu 6.200 libros para nenos de 3 a 8 anos e 8.148 para os de 8 a 12. Implicouse aos docentes e ás familias 

Nenos de toda a provincia plantaron este venres ameneiros nos seus colexios para culminar coas actividades medioambientais que lles levou o Goberno da Deputación durante estes días a través da súa 6ª Semana da Árbore e da Auga. Con esta programación, o Executivo Provincial quixo achegar aos máis pequenos a importancia da auga e das árbores, así como a riqueza natural da provincia con 3 Reserva da Biosfera Recoñecidas pola UNESCO. Participaron de balde 15.000 cativos de 103 centros escolares dos 67 Concellos.

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, e ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro Villares, sumouse hoxe á plantación da ameneiro que fixeron os 230 alumnos do CEIP A Ponte, na capital luguesa. O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, estiveron cos rapaces dos 3 centros educativos da cidade do cabe; a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, cos alumnos do CEIP San Roque da localidade viveirense; e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, cos rapaces do colexio desta localidade. 

Libros-manuais
O Goberno da Deputación fixo entrega nos centros educativos libros e manuais con distintas actividades medioambientais para desenvolver durante toda a semana. O ameneiro foi a árbore protagonista das dúas publicacións empregados como apoio didáctico: Eva, o trasno e o ameneiro e Salven os ameneiros! .

Ambas as dúas publicacións son historias de ficción con fundamentos didácticos para impulsar o coñecemento da natureza e das especies máis próximas. Repartíronse  preto de 6.200 libros para nenos de entre 3 a 8 anos e 8.148 para os de 8 a 12. As publicacións inclúen coñecementos dos ciclos da auga e da árbore e outras cuestións específicas relacionadas coas Reservas da Biosfera lucenses.

Todos os alumnos e alumnas dispuxeron do seu exemplar, prolongando, deste xeito, as posibilidades de reutilización e lectura no fogar. Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do profesorado contendo pautas para utilizar o libro manual.

Obxectivos
Os obxectivos desta iniciativa están concibidos para concienciar aos máis cativos sobre o hábitat natural como ben presente e futuro, así como para divulgar entre o alumnado coñecementos dos ciclos da auga e da árbore, máis aló da materia de Ciencias Naturais. A campaña introduciu comunicacións para pais e titores coa idea de implicalos na iniciativa, buscando crear un vínculo de educación co proxecto tamén no ámbito familiar, así como a participación e implicación dos maiores.