Deputación de Lugo

Davide Salvado e Pedro Pascual clausuran con éxito na Capela de Santa María o MusicAD da Deputación

A Capela de Santa María acolleu este sábado o concerto de Davide Salvado e Pedro Pascual co que se clausurou o MusicAD, a programación musical totalmente gratuíta para os lucenses que o Goberno da Deputación decidiu por en marcha durante o mes de marzo na Capela de Santa María.
Davide Salvado e Pedro Pascual interpretaron Lobos, o seu último traballo, na Capela de Santa María. Davide Salvado é, sen dúbida, unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir. Pedro Pascual (acordeón e cordas) é o produtor do último disco de Davide, Lobos. Na actualidade toca no grupo Talabarte e ten una ampla traxectoria en bandas tan coñecidas como Marful.