Deputación de Lugo

Campos Conde propón investir máis do dobre en servizos sociais que no 2015

- O Presidente está disposto a duplicar as Axudas ao Fogar con 1,5 millóns de euros e Teleasistencia cunha nova partida de 340.000 euros. “Este aumento é froito da débeda de cero euros que conseguimos na Deputación” - Campos remarcou que a este investimento, que suma 1,9 millóns de euros, engádense as axudas directas a múltiples colectivos sociais, como por exemplo ASPNAIS e ALUME cos que hoxe se reuniu, ás que quere achegar outros 330.000 euros - “Os fondos para servizos sociais será aínda maior, pois queremos incrementar as actividades en impulso da autonomía dos maiores, que levamos a cabo dende o InLugo, para as que temos prevista unha partida de 175.000 euros”, engadiu

O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este xoves a súa proposta de investimento en servizos sociais para este ano e destacou que “queremos incrementar esta partida máis do dobre” con respecto ao 2015. Campos Conde, que subliñou que “este aumento que podemos facer é froito da débeda de cero euros que conseguimos na Deputación”, fixo estas declaracións hoxe tras manter sendos encontros con ASPNAIS e ALUME.

O titular provincial subliñou que o Goberno Provincial está disposto a duplicar os fondos para as Axudas ao Fogar, achegando 1,5 millóns de euros este ano, cando no 2015 se destinaron 700.000 euros; así como os de Teleasistencia, cunha nova partida de 340.000 euros, que superan os 150.000 que se investiron na pasada anualidade.

O Presidente remarcou que a este investimento, que suma preto de 1,9 millóns de euros e que son máis do dobre de fondos que no 2015, engádense ás axudas directas que se conceden a colectivos sociais, e que este ano, segundo a proposta do equipo de goberno, ascenderán aos 330.000 euros. É o caso de ASPNAIS ou ALUME, entre outros moitos colectivos sociais.

“Os fondos para servizos sociais será aínda maior, pois queremos incrementar as actividades en impulso da autonomía dos maiores, que levamos a cabo dende o InLugo, e para as que temos unha partida de 175.000 euros”, engadiu.

50º aniversario de ASPNAIS
Campos Conde, acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, entre outras autoridades, fixeron esta mañá unha visita ás instalacións de ASPNAIS. Trátase dunha actividade de portas abertas que dito colectivo organiza con motivo do seu 50 aniversario.
A Deputación mantén unha estreita relación de colaboración con ASPNAIS, pois, xunto ás axudas económicas de case 70.000 euros das pasadas anualidades para contribuír á súa actividade, tamén lle cedeu gratis ás instalacións provinciais do antigo hospital San José. Isto permitirá a este colectivo duplicar as súas prestacións. Hai que ter en conta que, actualmente, ASPNAIS atende a 137 persoas en 22 Concellos da provincia, e dá traballo a 49 persoas.

ALUME
Campos Conde e Álvaro Santos tamén mantiveron un encontro con membros de ALUME, colectivo ao que a Deputación vén de concederlle unha axuda de 8.000 euros a adquisición dun vehículo para o seu servizo de transporte. Nos últimos anos, o organismo provincial contribuíu á actividade de ALUME con outros 80.000 euros, que se achegaron a obradoiros de emprego, formación prelaboral, arranxo e acondicionamento de locais ou adquisición de equipamentos para as súas instalacións.

ALUME naceu no ano 1995 por parte de varios familiares de persoas con enfermidade mental e profesionais da Saúde mental de Lugo coa intención de sensibilizar á sociedade sobre os problemas e as necesidades do colectivo e as súas familias. Na actualidade, xestiona dous centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, un en Lugo e outro en Guitiriz, conta con catro pisos protexidos e realiza asistencia de mediación comunitaria e familiar e traballo directo coa persoa afectada. Tamén puxeron en marcha unha Escola de Familias, creando un espazo para a información, o asesoramento e o diálogo;  desenvolven dous programas na que realizan atención psicoloxica na prisión de Monterroso e Bonxe, e axudan a persoas con enfermidade mental sen fogar.