Deputación de Lugo

A Deputación concede 300.000 euros aos Concellos para que axusten as súas sedes electrónicas á nova lei

- A Xunta de Goberno aprobou este investimento para que os municipios cumpran a Lei do Procedemento Administrativo Común, que lles obriga a realizar cambios nas súas ferramentas tecnolóxicas antes do 1 de outubro - A distribución dos fondos entre 66 Concellos realizase en base á superficie, densidade de poboación, esforzo fiscal e unidades de poboación, supoñendo axudas de entre 3.300 e 6.300 para cada entidade local - O organismo provincial habilitará a compulsa electrónica, o pago telemático de impostos municipais ou o control por parte dos cidadáns da situación na que se atopan os seus trámites coa administración vía Internet

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou un investimento de 300.000 euros dirixido a Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todas agás o de Lugo, para financiarlles as melloras que teñen que levar a cabo nas súas sedes electrónicas con motivo da entrada en vigor o 1 de outubro da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta normativa establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites coas mesmas de xeito telemático e con seguridade. 

A Deputación distribúe este investimento entre os 66 Concellos en base aos seguintes criterios obxectivos (os mesmos que o POS): superficie, densidade de poboación, esforzo fiscal e unidades de poboación. AXÚNTASE LISTAXE CO REPARTO.

Santos Ramos explicou que as axudas por Concello, que serán de entre 3.300 e 6.300 euros, concederanse vía convenio por dous motivos: para axilizar a súa concesión e para axustarse ás necesidades de cada municipio.

“A vindeira semana, enviaremos aos 66 Concellos toda a información sobre estas axudas, dándolles un prazo duns 15 días para que as soliciten e nos comuniquen as súas necesidades, que recolleremos nos convenios individuais que asinaremos cos mesmos. Este investimento de 300.000 euros para melloras nas sedes electrónicas en 66 Concellos da provincia suporá, polo tanto, unha nova e inmediata inxección económica do Orzamento da Deputación para 2016 na provincia”, remarcou.

Compulsa electrónica ou pago telemático de impostos
A propia Deputación tamén levará a cabo melloras neste senso. “Temos moito camiño andado, pois contamos con sede electrónica, co rexistro telemático ou coa factura telemática. Isto permite aos veciños, tan só co seu DNI electrónico ou cun certificado dixital, entregar documentación, solicitar axudas ou tramitar as súas facturas polos servizos prestados ao organismo provincial a través de Internet. É dicir, sen desprazamentos e papeleos. Pero temos que seguir avanzando”, indicou o Vicepresidente.

Por este motivo, a Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de contratación de novos traballos neste eido por un valor máximo de 70.000 euros. As actuacións que se realizarán agora no organismo provincial permitirán habilitar a compulsa electrónica ou o pago telemático dos impostos que máis de 50 Concellos teñen delegado no servizo de Recadación Provincial (IBI, IAE, Imposto de Actividades Económicas, imposto de circulación, imposto de entrada de vehículos); permitirán aos veciños coñecer o punto no que se atopa a tramitación da túa documentación (por exemplo, en que departamento está e porqué, cal é o seguinte paso... é dicir, os cidadáns terán a información ou o control da mesma, sen ter que vir e preguntar na propia administración); ou compartir a información con todas as administracións do país para que, unha vez que un cidadán entregue na Deputación a documentación imprescindible, por exemplo, para solicitar unha subvención, non teña que facelo continuamente nas demais cando se dea este caso. Ademais, este traballos facilitarán a realización de todos os trámites coa Deputación a través de calquera dispositivo móbil ou farán que a sede electrónica provincial sexa moito máis intuitiva.

Servizo a Domicilio
Tal e como adiantou onte o Presidente, Darío Campos Conde, a Xunta de Goberno aprobou o investimento de 1,5 millóns de euros para as Axudas no Fogar, o reparto destes fondos por Concellos, así como o modelo de convenio que a Deputación asinará con cada un dos 66 municipios. Trátase dun Servizo a Domicilio totalmente renovado e gratuíto para os Concellos.