Deputación de Lugo

A Deputación achega 3.000 euros e demostracións artesanais á “XII Feira de Ferreira de Pallares”

- A Deputada de Artesanía, o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e a Tenente Alcalde de Guntín presentaron esta cita que terá lugar o 14 de agosto - Haberá unha ducia de postos con produtos artesanais, obradoiros de talla de madeira, forxa, apicultura, tear ou cestería - Ás 13:00 horas poderase degustar gratis filloas e o xantar popular custará entre 22 e 24 euros. Para os menores de 11 anos o prezo é de 11 euros.

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este martes a “XII Feira de Artesanía de Ferreira de Pallares”, que terá lugar o 14 de agosto. Fíxoo xunto a Carlos Vázquez, que é o presidente da asociación que organiza esta cita, e María José Gómez Rodríguez, Tenente Alcalde do Concello de Guntín. O organismo provincial contribúe á celebración desta cita, colaborando coa Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares cunha achega de 3.000 euros. Tamén leva á feira, a través do CENTRAD, demostracións en vivo sobre canteiría.
                                                                                                                              
García Porto agradeceu a asociación por “renovar e impulsar un entorno tan importante como é o Mosteiro de Ferreira de Pallares a través desta feira de artesanía, un evento que se consolida ano tras ano na provincia”. A Deputada subliñou que “este tipo de actividades axudan a contribuír o desenvolvemento da actividade económica da nosa provincia, ao tempo que poñen en valor os oficios artesanais propios da nosa cultura”.

Unhas 1.000 persoas congréganse todos os anos no entorno do Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares, recoñecido como Ben de Interese Cultural. A feira contará cunha ducia de postos artesanais e varias demostracións en vivo destes profesionais que poderán desfrutar todos os asistentes.

Programación da xornada
Ás 11:00 horas abrirase o recinto feiral. Durante toda a xornada, haberá exposicións e venda de produtos artesanais, así como diversos obradoiros de talla de madeira, forxa, apicultura, tear e cestería, entre outros.

A programación inclúe ás 13:00 horas degustación gratuíta de filloas. O pregón será a cargo do Director da Zona Sur de Abanca, Alberto López Sánchez. ás 13:15 horas. Os actos relixiosos serán ás 13:45 horas. A continuación, terá lugar o xantar de confraternidade. As persoas que queiran comer no xantardeberán retirar os tíckets antes do 9 de agosto nos recintos establecidos (Casa Fidalgo, Bar Stop e Casa Maestro de Matei). Os prezos da comida son de 24 euros paras os que non sexan socios e de 22 euros para os socios. Para os menores de 11 anos o prezo é de 13 euros. Máis información no teléfono 982320133.

Ao longo de todo o día, disputarase un campionato de tute e haberá actuacións musicais que animarán as rúas da parroquia.