Deputación de Lugo

O Presidente entrega en Monforte os diplomas das accións formativas de rehabilitación sostible de vivendas

- 145 alumnos de toda a provincia participaron nas 7.500 horas de cursos de formación que están relacionados directamente coa rehabilitación de vivendas e co aforro enerxético - Colocación de illantes, instalacións de xeotermia, de biomasa ou parámetros económicos que avalían a rendibilidade das actuacións en eficiencia enerxética, foron algunhas das accións levadas a cabo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da APEC na Comarca de Lemos, Julio Vázquez Berao e o Coordinador da Fundación Laboral da Construción, Ignacio de Oliveira Pérez, entregaron este luns en Monforte os diplomas das accións formativas do proxecto Reacciona 2020, que organiza APEC xunto coa Deputación nesta Comarca.

145 alumnos de toda a provincia participaron nas 7.500 horas de cursos de formación que están relacionados directamente coa rehabilitación de vivendas e co aforro exexético, como por exemplo, a colocación de illantes, instalacións de xeotermia, instalación de biomasa ou parámetros económicos que avalían a rendibilidade das actuacións en eficiencia enerxética.

Campos Conde remarcou que o programa Reacciona 2020 foi unha clara aposta da Deputación polo impulso na rehabilitación sostible de vivendas na provincia. Neste senso o Presidente destacou que “pretendemos dotar de novas capacidades no ámbito da rehabilitación e eficiencia ás empresas e aos traballadores do sector da construción e sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de cumprir cos obxectivos enerxéticos e concienciar aos traballadores sobre a necesidade de actualizar as súas competencias en materia enerxética”.

O Presidente sinalou que dende a Deputación “apostamos e apoiamos decididamente a dinamización do sector da construción na provincia de Lugo. Queremos que se creen postos de traballo, queremos que se cree emprego. Ese é o noso máximo obxectivo”.

Julio Vázquez, en representación da APEC, salientou que estes cursos son esencias “ xa que trátase de programas de grande calidade que é difícil que se poidan realizar por outras vías”, remarcou.
Programa Reacciona 2020
O programa Reacciona 2020, conta con catro liñas de actuación. A primeira, denominada proxecto Reacciona, está enfocada aos particulares e busca difundir e sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de cumprir cos obxectivos 20/20/20 (fixados pola UE e que pretenden redudir un 20% o consumo enerxético, aumentar un 20% o uso de enerxías renovables e diminuír un 20% as emisións de CO2) e as vantaxes que supón realizar unha rehabilitación dos edificios seguindo criterios enerxéticos.

O segundo piar é o proxecto Reenfócate, que busca axudar ás 887 empresas do sector asociadas, que contan cunha media de tres traballadores de baixa cualificación, de aí a importancia da especialización mediante a formación.

A terceira liña de acción, destinada tamén aos profesionais do sector, é o proxecto Reconstrúe, que ten como obxectivo difundir a oportunidade de negocio que supón o mercado das rehabilitacións enerxéticas nunha provincia que conta con 120.000 edificacións adicadas a vivenda segundo datos do Catastro.

E por último, o proxecto Rehabilítate do que forma parte esta actuación, que ten como obxectivo proporcionar formación aos traballadores co fin de actualizar as súas competencias profesionais en materia de rehabilitación e eficiencia enerxética.