Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Láncara buscan a comercialización dos produtos lucenses en Cuba

- Campos Conde apuntou que “estudamos posibles accións con Cuba e co tecido empresarial da illa para que as empresas lucenses teñan un novo mercado no que internacionalizarse”
- A delegación cubana comprometeuse a facilitar acordos entre as institucións para poder comercializar neste país os produtos lucenses
- Os representantes do Goberno cubano amosáronse moi interesados pola “altísima” calidade dos produtos da provincia sobre todo polos pesqueiros e agroalimentarios

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, mantiveron  este luns, en dito Concello, un encontro con representantes cubanos e empresarios lucenses, e no que participaron 40 persoas. As institucións luguesa e lancaresa traballan para facilitar a comercialización de produtos da provincia de Lugo en Cuba.

Campos Conde subliñou a “estamos a estudar posibles accións e acordos co Goberno de Cuba, así como co tecido empresarial da illa, para que as empresas da nosa provincia, que comercializan produtos de altísima calidade, teñan un novo mercado no que internacionalizarse”.

O Presidente destacou que “co novo proceso de apertura e cambio en Cuba, é o momento axeitado para impulsar os nosos produtos fóra das nosas fronteiras, sobre todo tendo en conta o interese que espertan os produtos galegos en rexións como a cubana”

Pola súa banda, a delegación cubana tamén se comprometeu a facilitar, na medida do posible executar acordos entre as institucións lucense e cubana, para poder comercializar alí os produtos lucenses. Os representantes do Goberno da Illa de Cuba amosáronse moi interesados pola altísima calidade dos produtos da provincia, sobre todo nos sectores pesqueiro e agroalimentario. Ademais, valoraron positivamente os procesos de trazabilidade e seguridade na fabricación do produto.

De feito, Cuba acollerá o vindeiro ano unha feira gastronómica a nivel internacional, na que teñen intención de contar con produtos da provincia.

Delegación Cubana
O Concello de Láncara invitou, hai xa uns meses, a representantes do Goberno Cubano a coñecer a provincia de Lugo en xeral, e Láncara en particular, co fin de buscar novos nichos de mercado para os produtos da provincia. A Delegación chegada de Cuba está composta por 5 membros:

  • Gustavo Arencibia Carballo, Director do Centro de Investigacións Pesqueiras
  • Santiago Reyes Pérez, Grupo de Traballo Estatal Bahía Habana
  • Luís F. Baró Rodríguez, do Grupo Empresarial de Transporte Marítimo Portuario
  • Yosvany Armando Simón Gil, Director de Xestión de Proxectos e Colaboración
  • Raquel Silveira Coffigny, Directora do Centro de Investigacións Pesqueiras

Representación Empresarial lucense
Ademais, do Presidente da Deputación e do Alcalde de Láncara, participaron neste encontro, representantes da Confederación de Empresarios Lucense; Asociación de Jovénes Empresarios; Feira Iberoamericana da gastronomía; Leite Río; Armadores de Burela; Pescados Rubén; Porto Celeiro; Torre de Núñez; ABANCA; Café Candelas; Frisaqués e Nova Frigsa, entre outros.