Deputación de Lugo

Deputación e Breogán promoven a adopción de animais adicando o partido do sábado á Protectora

-  A Protectora colocará un stand no Pazo dos Deportes no que informará sobre como apadriñar, acoller, adoptar  ou facerse voluntario ou socio da protectora - Venderán calendarios e colocarán huchas para recoller donativos para o funcionamento da súa actividade diaria e o mantemento das súas instalacións - Esta actividade enmarcarse dentro do Convenio de patrocinio que o Breogán ten asinado coa Deputación, e que inclúe a obriga de realizar iniciativas con fines sociais

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou o próximo partido solidario do Breogán, que se disputará o vindeiro sábado ás 20:00 horas, contra o Cáceres, acompañada da Presidenta da Protectora de Animais e Prantas de Lugo, Virginia Torrecillas, no Pazo dos Deportes de Lugo. Neste acto, presentaron as iniciativas que realizarán o día 14 para darlle visibilidade á Sociedade Protectora e fomentar a adopción, minimizar o número de abandonos e combater o maltrato animal na provincia de Lugo. Esta actividade enmarcarse dentro do convenio de patrocinio que o Breogán ten asinado coa Deputación, e que inclúe a obriga de realizar iniciativas con fines sociais.

A Protectora de Animais e Prantas de Lugo colocará un stand no Pazo dos Deportes no que informará, mediante flyers, sobre como apadriñar, acoller, adoptar ou tamén como facerse voluntario ou socio da protectora, ademais de explicar todas as iniciativas que levan adiante. Tamén venderán calendarios e colocarán huchas para recoller donativos para o funcionamento da súa actividade diaria e o mantemento das súas instalacións.

López Izquierdo destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas e o traballo que realiza a protectora coa que colabora a Deputación de xeito constante, non soamente co aporte económico, senón tamén a través doutro de tipo de iniciativas coma as charlas informativas de sensibilización que está realizando nestes momentos por toda a provincia. “Este partido vai servir para visibilizar a importancia de adoptar un animal abandonado, e tamén para valorar a labor que realiza a Protectora”, sinalou a Deputada.

Virginia Torrecillas remarcou que esta iniciativa solidaria pretende concienciar á sociedade para que o abandono animal sexa un pesadelo do pasado, nese senso demandou responsabilidade de todos os axentes implicados. Na súa intervención agradeceu a Deputación e ao Breogán a colaboración nesta proposta para poder continuar a súa labor de protección, concienciación e visibilización.

380 animais na protectora
A Protectora de Animais e Prantas de Lugo conta neste intres con 380 animais abandonados nas súas instalacións, entre cans e gatos; e no que atinxe ao 2016 rescatou un total de 1.097 animais, e realizou 640 adopcións.