Deputación de Lugo

A Xunta négase unha vez máis a conceder prazas públicas nos centros de maiores públicos da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o Deputado de Promoción Económica e Promoción Social, Álvaro Santos Ramos, mantiveron este venres en Santiago unha xuntanza co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para acadar a colaboración da Xunta na rede pública de residencias e centros de día da Deputación a través da concesión de prazas públicas.

O único ofrecemento que fixo hoxe o Conselleiro de Política Social foi emprazar á Deputación a concorrer a un concurso de prazas, cando haxa, pois a día de hoxe non ten data, ao igual que os centros privados.

É dicir a Xunta equipara a iniciativa pública da Deputación de Lugo, financiada con cartos públicos de todos os lucenses, aos investimentos de entes privados. Ademais, para que a Deputación de Lugo poida concorrer a este concurso, a Xunta di agora que o que ten que facer a través de Suplusa, cando foi a propia Xunta a que fai 5 anos lle denegou a inscrición de Suplusa como entidade prestadora deste tipo de servizo. Isto supuxo que se tivese que inscribir a propia Deputación. A Xunta de Feijóo volve a cambiar de criterio e interpón novas trabas á Deputación, incluso para competir con empresas privadas.

Negativa a convenios
O Presidente pediulle ao Conselleiro asinar un convenio de colaboración para financiar con cartos públicos as prazas nos centros de maiores públicos da Deputación. Rey Varela tamén rexeitou esta posible vía, habitual en todas as administracións. Todo isto aínda a Xunta mantén unha débeda millonaria cos lucenses, tal e como Darío Campos lle lembrou a Rey Varela. A Xunta asinou en 2012 e 2013, canto menos, convenios que son oficiais e públicos coas Deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense, concedéndolles 25 millóns de euros para servizos sociais e políticas de emprego nestas provincias. A de Lugo non recibiu nin un só euro.

O Conselleiro xustificou a súa postura, asegurando que a Xunta ofrecía na provincia de Lugo 2.000 prazas en centros de maiores, obviando que, segundo os propios datos da Consellería publicados no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, o 86,7% destas, xestiónanas empresas privadas en centros de maiores dos Concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos agás o de Lugo.

O Conselleiro chegou a dicir que as 250 prazas en residencias e centros de dia que a Deputación ofrece este ano coa posta en marcha de 5 centros de maiores públicos, non liquidarían o déficit das mesmas na provincia. Obviando que a Deputación de Lugo ten proxectada a construción dun total de 13 centros para maiores públicos noutros tantos Concellos da provincia.

O Presidente mostrouse moi insatisfeito do resultado deste encontro, posto que a única colaboración que lle ofreceu o Conselleiro foi axilizar a concesión dos permisos PIA, imprescindibles para a posta en marcha dos centros da terceira idade de Castroverde e A Fonsagrada. Cando a Deputación xa leva máis de 6 meses esperando a que a Consellería lle conceda estas licencias imprescindibles para abrir as portas destas instalacións públicas.

Con todo, o Presidente trasladoulle ao Conselleiro á necesidade de manter novas reunións coas que achegar posturas, e ata o convidou a visitar mañá, aproveitando a súa visita a Lugo con motivo do Congreso de Xerontoloxía que se celebra en mañá Marcos, os centros da Deputación.

Campos Conde díxolle ao Conselleiro, publicamente, ante todos os medios de comunicación, non entender como unha administración pública non colabora con outra administración publica para ofrecer aos cidadáns servizos públicos de calidade.