Deputación de Lugo

A Deputación ofrece a 80 emprendedores asesoramento gratuíto para xerar ou reconverter empresas

-  O Presidente e a Deputada de Medio Ambiente presentaron o IV Campus de Emprendemento Sostible xunto a participantes de anteriores convocatorias das que resultaron ou melloraron 13 establecementos na provincia - Por 1ª vez, o Campus chega aos centros con ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural para fomentar o emprendemento como saída laboral. A través de 3 cursos, 60 alumnos coñecerán os elementos para xerar unha empresa e visitarán negocios xa consolidados de emprendedores lucenses -  O 4º curso do Campus é aberto ao público en xeral e está dirixido a persoas que xa teñen máis avanzada a súa idea de negocio. Inclúe formación especializada, visitas a empresas consolidadas e titorías individuais co obxectivo de consolidar os proxectos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este luns a IV edición do Campus de Emprendemento Sostible. É o plan de fomento do emprego a través do que o organismo provincial ofrece a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresarias consolidadas con visitas ás mesmas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e, polo tanto, incrementando os seus beneficios.

A Deputada de Medio Ambiente explicou que “celebramos 3 edicións desta programación con grandes éxitos”, pois das mesmas resultaron ou melloraron 13 establecementos na provincia. De feito, no acto estiveron participantes nas anteriores convocatorias, que contaron as súas experiencias e situación laboral tras o Campus.
 
López Izquierdo salientou que “coñecidas as vosas vivenzas, o Presidente non dubidou nin un só intre en poñer en marcha o IV Campus de Emprendemento Sostible, ao que tamén acordou introducir cambios para ir máis alá, para facer que esta administración sexa máis útil, en definitiva, para, como sempre dice o Presidente, que a Deputación de Lugo estea coas persoas”.

A Deputación coas persoas
Neste senso, Campos Conde engadiu que “sodes a esencia deste programa. Todas e cada unha das iniciativas que poñemos en marcha dende este Goberno da Deputación son para as persoas, para mellorar a súa calidade de vida. Escoitar as vosas experiencias tras participar no Campus de Emprendemento Sostible, e comprobar que foi de utilidade, é motivo suficiente para reeditar esta programación e para ir máis alá. Non podemos conformarnos. Queremos mellorar esta programación e facer que esta administración sexa máis útil, que a Deputación estea máis preto das persoas”.

4 obradoiros con novidades
“Baixo esta premisa”, explicou o Presidente, “acordamos incluír 4 cursos nesta nova edición do Campus de Emprendemento Sostible para uns 80 emprendedores”. Cada un deles está limitado a un máximo de 22 alumnos.  

“Por primeira vez, decidimos levar esta programación aos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Trátanse do IES San Rosendo, en Mondoñedo; do IES A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei; e do Centro Alta Montaña, en Becerreá.

“Estaremos nestes centros de formación profesional dende esta mesma semana e durante o mes de novembro”. Hoxe a Deputación arranca o Campus no IES San Rosendo, a vindeira semana farao no centro chairego e a seguinte no da Montaña.

“Campus de Motivación e Xeración de Idea”  para estudantes de FP
O Presidente explicou que “ofreceremos a un mínimo de 60 alumnos destes centros formación e asesoramento sobre os principais elementos a ter en conta á hora de abrir unha nova empresa, fomentando o emprendemento como saída laboral. Farémolo a través de 3 cursos do Campus que chamamos Motivación e Xeración de Ideas, que, ademais da  formación teórica e práctica, inclúe visitas a establecementos postos en marcha por emprendedores no rural, aproveitando os recursos naturais da provincia”.

Coñecendo experiencias
Deste xeito, os participantes coñecerán os proxectos e experiencias de Aldea Artesán da Fraga, unha casa de turismo rural que naceu en Xermade; Obradoiro de Idoia Cuesta, recoñecida artesán de cestería e textil, que xa traballa a nivel internacional; Obradoiro Xaneco, dedicado á construción de instrumentos a músicos profesionais; Vida de Aldea, unha explotación gandeira, principalmente láctea, de Outeiro de Rei, que traballa nun proxecto de impulso ao medio rural e de implicación directa do consumidor cos produtos agrogandeiros para tentar eliminar intermediarios con motivo da baixa do prezo do leite; e Volta ao Sancho, o proxecto dun empresario de barnizados que, tras á crise, se reconverteu á agricultura ecolóxica.

Maduración da Idea Empresarial, aberto ao público
O 4º curso estará aberto ao público en xeral, con prazas para 20 persoas, e terá lugar no Centro de Interpretación de Terras do Miño, durante a semana do 21 de novembro. “Chamamos a este curso do Campus Maduración da Idea Empresarial, pois está dirixido a persoas que xa teñen máis avanzada a súa idea de negocio”.

“Ofreceremos asesoramento sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental ou económica-financeira dos proxectos. Tamén se visitarán empresas consolidadas como Milhulloa, Granxa Maruxa, Parada das Bestas ou Arqueixal. Rematadas as clases teóricas e prácticas, haberá titorías individuais para un asesoramento máis personalizado co obxectivo de culminar as ideas empresariais”, apuntou o titular provincial.

O prazo de solicitude para o Campus de Maduración da Idea Empresarial estará aberto a partires de mañá. Máis información en www.deputacionlugo.gal.

13 establecementos xerados ou mellorados
Pensión Os Ancares, en Becerréa: negocio creado ao abeiro do Campus. Os xerentes decidiron, logo de recibir a formación gratuíta do organismo provincial, converter un inmoble propio nunha pensión. Dentro da oferta lúdica que complementa á estancia, sobresaen actividades relacionadas co medio natural. Entre elas, destacan xornadas de micoloxía, sendeirismo ou seminarios fotográficos.

Mel D´Abella: pequena produtora de mel que, grazas ao Campus, decidiu converter nun negocio completamente ecolóxico as colmeas que tiña para consumo propio. Deste xeito, aumentaron o número de colmeas de 10 ata 60.  Cómpre subliñar que o ano pasado ampliaron o seu negocio á localidade do Cádavo. Esta emprendedora comercializa xa a súa mel en País Vasco.

Galimos: granxa artesanal de ovos ecolóxicos que recibiu asesoramento a través do Campus para resolver dúbidas de carácter administrativo e de comunicación online. Galimos ampliou o seu mercado grazas ao Campus e comercializa agora os ovos das 90 galiñas de Mos a particulares e tendas ecolóxicas da provincia. 

M3 Auga:  empresa creadas ao abeiro do Campus de Emprendemento. O seu percorrido no eido empresarial comezou hai 3 anos. O asesoramento gratuíto da Deputación permitiulle consolidarse e compartir experiencias con outros emprendedores.

Caserío Meiroi: un pazo reconvertido tamén en restaurante, no que a carta está marcada por produtos ecolóxicos que proveñen da súa horta e gandería propia, tras a súa participación no Campus.

Marmeladas Acea de Olga: establecemento xerado ao abeiro do Campus logo de que esta emprendedora decidise producir marmelo ecolóxico, que vende en establecementos e feiras da provincia.

Tualicate: empresa de produtos de ferretería. Grazas ao Campus ampliou o seu mercado, consolidando a venda telemática como unha das súas principais fontes de ingresos.

Casa Príncipe: explotación apícola de Cervantes. Recibiu asesoramento para transformar a súa produción en ecolóxica. Vende por toda a provincia e agarda ampliar o mercado.

Horta Sancoveiga: explotación de horta ecolóxica que se puxo en marcha grazas ao Campus de Emprendemento. A propietaria, unha administrativa sordomuda en paro, tiña unha idea de negocio pero que non era capaz de materializar. Grazas ao asesoramento da Deputación, agora Sancoveiga vende a diversos negocios da provincia.

Nenea: asociación que naceu grazas ao Campus de Emprendemento Sostible. É un bosque escola que ofrece un modelo educativo alternativo, baseado no contacto coa natureza, aproveitando os recursos de cercanía: explotacións gandeiras, hortas...

Esmorga eventos: empresa de eventos que xurdiu hai máis de ano e medio logo de recibir o asesoramento gratuíto da Deputación.

Explotación Adela: explotación de gando que está no proceso de reconverterse a ecolóxica e tamén traballar agora na produción hortícola tras o seu paso polo Campus.

PK3: Consultoría de Ingenieria Civil creada ao abeiro do Campus con máis de 3 anos de actividade.