Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle máis de 50 xoias, con Tesouros do Mar e da Terra, a mostra do CENTRAD da Deputación

- O Presidente da Deputación inaugurou a colección do artista lucense Oscar Rodríguez que estará exposta ata o 28 de decembro na Capela de Santa María
- Campos Conde subliñou que “é de xustiza, valorar e recoñecer a labor deste xoieiro, pois o seu traballo diario mantén vivo un dos oficios tradicionais que caracterizan a nosa cultura”
- Tesouros do Mar e da Terra é unha colección de 53 pezas de ouro, diamantes ou pedras preciosas, exquisitas, de gran calidade técnica, innovadoras e versátiles
- Horario: de luns a venres de 10:30  a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é gratuíta

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron este martes a mostra Tesouros do Mar e da Terra do xoieiro lucense Oscar Rodríguez que estará exposta na Capela de Santa María ata o 28 de decembro. Fíxoo xunto á Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, á Secretaria da Mesa do Parlamento Galego, Raquel Arias Rodríguez, á Directora Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol María Vázquez Abeal, á Directora de Turismo de Galicia, Nova Castro e o Vicerreitor de Desenvolvemento científico e tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois.

Campos Conde subliñou que “este xoieiro é un exemplo de que a través do traballo meticuloso e coidado, as tradicións e a modernidade poden ir da man. É de xustiza, valorar e recoñecer a labor de Óscar, pois a súa labor diaria, que se recolle nesta exposición, mantén vivo un dos oficios máis tradicionais que caracterizan a  nosa cultura. Por iso, quero convidar a todo o mundo a que se achegue á Capela de Santa María e visite esta colección, que amosa o compromiso deste autor internacional coa identidade galega”.

Tesouros do Mar e da Terra é unha colección de pezas de ouro, diamante ou pedras preciosas, exquisitas e de gran calidade técnica, nas que se reflicte o vínculo do autor co mar Cantábrico, transmitindo nelas a súa forza e beleza. Na mostra apreciase como o veciño de Viveiro xoga coas formas e cores, inspirándose na natureza, e sobre todo no mar, para obter pezas innovadoras e versátiles. Ese modo de producir característico, imprimíndolle un toque máis elegante, eleva as súas obras a xoias preciosas e únicas.
O horario da mostra é de luns a venres de 10:30 horas a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 horas a 14:00 horas e de 16:30 horas a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Oscar Rodríguez
En 1985, Oscar Rodríguez Branco, levado pola súa tradición familiar, o seu coñecemento do mercado de xoiería e a súa ilusión por desenvolvelo, fundou a súa primeira tenda-taller de xoiería en Viveiro, municipio que o acolleu desde moi novo. En 1994 debido ao crecemento da firma e a necesidade dunha infraestrutura maior amplía as súas instalacións, converténdose nun dos talleres máis importantes de Galicia.

En 2006 decídese pechar a tenda-taller orixinaria para trasladarse a un centro integral de proceso de deseño, elaboración e venda das creacións co seu propio selo. Trátase do salto definitivo para a consolidación do artista en imaxe e prestixio, sendo agora un dos talleres máis importantes de España, no que a xoiería artística e artesanal refírese. Ao longo da súa traxectoria profesional ha recibido importantes premios e recoñecementos destacando as últimas edicións do premio AN Gem Awards no que participa desde a súa creación.