Deputación de Lugo

Deputación, Concello e USC presentan a publicación La escuela de ayer, hoy y mañana nacida ao abeiro dos cursos de verán que financiou o organismo provincial

O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e a Vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presentaron este luns o libro La escuela de ayer, hoy y mañana. Claves y desafíos co que colaboraron as dúas institucións financiando os cursos de verán da USC e a posterior publicación da obra.

As claves e os futuros desafíos que lle agardan á escola centran as reflexións realizadas por distintos especialistas do ámbito educativo e compiladas no volume La escuela de ayer, hoy y mañana. Claves y desafíos, unha obra coordinada polos profesores da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez e María Dolores Fernández Tilve na que se aborda desde unha perspectiva multidisciplinar as problemáticas actuais e os futuros desafíos educativos.

O ensino na idade moderna na cidade de Lugo, competencias para a escola da post modernidade, Lomce, educación en valores, atención á diversidade na escola como prevención de riscos, competencias do orientador escolar, educación emocional, formación inicial e permanente do profesorado, e riscos asociados a Internet e ás novas tecnoloxías, constitúen algúns dos aspectos analizados neste libro, unha obra xurdida a raíz dun curso de verán celebrado na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC e coa que se pretende favorecer unha reflexión colectiva sobre a educación e a súa importancia no actual contexto social como clave para a resolución dos problemas.

O desexo de que a escola, como primeiro paso do proceso educativo, e por ende, a educación, sexa considerada como plataforma de vertebración nos procesos de desenvolvemento social e económico, foi un dos argumentos esgrimidos por todos os relatores que participaron nesta sesión, na que, entre outras ideas, tamén se puxeron de manifesto algunhas particularidades que diferencian as escolas rurais daquelas emprazadas en núcleos urbanos, ao tempo que se fixo fincapé na progresiva desigualdade de oportunidades dalgunhas persoas e estamentos sociais á hora de acceder ao goce dun dereito como é a educación.