Deputación de Lugo

O Museo Provincial acolle máis de 100 instantáneas dos participantes do Fotografía: A CEGAS da Deputación

- Persoas invidentes aprenderon a realizar fotografías de gran valor artístico que compoñen a mostra que estará exposta ata o 10 de xaneiro na Sala do Refectorio - A Deputada de Cultura sinalou que “este proxecto da Rede Museística Provincial pon de manifesto a importancia da fotografía como vehículo de cambio na sociedade” - Horario: de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas. Sábados de 10:30 a 14:00  e de 16:30 a 20:00 horas. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. Entrada gratuíta

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este xoves no Museo Provincial a mostra Fotografía A CEGAS 4 que estará exposta no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o 10 de xaneiro. Nesta mostra amósanse máis de 100 fotografías dos participantes deste proxecto da Rede Museística Provincial de Lugo na que 14 persoas invidentes, coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos catro museos da provincia, aprenderon a realizar fotografías cun gran valor artístico. Durante o acto, aproveitouse para presentar o Catálogo de Fotografía: A CEGAS 3, volume no que se recollen os traballos da terceira edición desta iniciativa para invidentes. 

García Porto quixo poñer en valor “a participación e implicación dos artistas, docentes, terapeutas e traballadores da Rede Museística Provincial por facer posible este gran proxecto social. Dende a Deputación queremos favorecer proxectos que rompan calquera barreira entre persoas, por iso, quero convidar a todas as persoas a que se acheguen a esta mostra que pon de manifesto a importancia da fotografía como vehículo de cambio na sociedade” subliñou a Deputada.

Fotografía A CEGAS é unha iniciativa que ademais deu como resultado final  un documental dunha hora de duración e un catálogo froito do traballo do colectivo de ENREDADOS (fotógrafos invidentes, docentes e persoal dos museos da Rede) interesados na experimentación sensorial, na exploración dos esquemas perceptivos e na procura doutro tipo de referentes que non se limiten só ao visual para re coa arte dunha forma máis global.

O horario da exposición de Fotografía: A CEGAS 4 é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas. Sábados de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Rede Museística
A Rede Museística Provincial de Lugo xa foi premiada no 2011 co Premio Solidaridad da ONCE (Organización Nacional de Ciegos Españoles) polo seu traballo e implicación con este colectivo.