Deputación de Lugo

13 Deputados poñen en risco obras de 5 millóns de euros nos Concellos coa retirada do Orzamento

- A Xunta de Goberno salva as obras de Cervantes, Guntín e Sober, que son as que tiñan que estar finalizadas nas vindeiras semanas, pero de xeito momentáneo, pois requiren da necesaria aprobación do Presuposto de 2016 - “Candia empregou estas obras para ganar a Alcaldes que lle axudasen a chegar á presidencia do Partido Popular. Conseguido o seu favor, agora vota en contra deles mesmos e déixaos tirados. Non respecta nin os seus compromisos e compañeiros” - Santos Ramos insta a Candia a que, “canto menos, respecte o seus propios compromisos” e a “posibilitar a aprobación duns presupostos legais, que primeiro non apoiou e logo retirou. A prioridade do Goberno é o Orzamento de 2016”

O Executivo Provincial aprobou este venres na Xunta de Goberno modificacións nos convenios de colaboración con Cervantes, Guntín e Sober, que permiten ampliar o prazo de xustificación de actuacións que a Deputación de Lugo ten previsto financiar nestes Concellos a través da proposta de Orzamento para 2016 do Presidente. Deste xeito, o equipo de goberno salva estas obras, que tiñan que estar finalizadas nas vindeiras semanas, aínda que de xeito momentáneo, pois requiren da imprescindible aprobación das contas provinciais deste ano.

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que estas actuacións forman parte do conxunto de obras, dotadas de case 5 millóns de euros, en 18 Concellos, todos eles gobernados polo Partido Popular, agás Cervantes cuxa partida económica prevista é considerablemente inferior aos dos outros 17 municipios, que 13 Deputados puxeron e manteñen en risco ao acordar a retirada do Orzamento de 2016.

Son obras que comprometeu Elena Candia estando na presidencia da Deputación e que deixou sen consignación orzamentaria. Para poder executalas, tendo en conta que “os prexudicados de non facelo sempre serán os veciños”, Campos Conde decidiu dotalas de orzamento. Incorporounas polo tanto á súa proposta de presuposto de 2016 e deixou comprometido máis financiamento das seguintes anualidades. Fíxoo tras abordar a necesidades destas actuacións con todos os Alcaldes dos municipios afectados.

O feito de que os 12 Deputados do Partido Popular e o Deputado non adscrito acordasen  no Pleno Extraordinario da semana pasada a retirada do Orzamento para este ano, mantén en risco estas obras, pois non contan co presuposto provincial para financialas.

“Empregou as obras para ganar o favor dos Alcaldes e chegar á presidencia do PP”
“Elena Candia empregou estas obras para ganar a Alcaldes que lle axudasen a chegar á presidencia do Partido Popular. E, conseguido o seu favor, agora vota en contra deles mesmos e déixaos tirados. Candia non respecta nin os seus propios compromisos e compañeiros de partido. Cando menos, debería facer isto e posibilitar a aprobación dos presupostos, que primeiro non apoio e logo retirou. A prioridade do Goberno Provincial é aprobar o Orzamento de 2016. Por iso, o que fixemos hoxe foi crear o escenario que posibilite, de acadar a necesaria aprobación do Orzamento, a financiación destas obras por parte da Deputación” subliñou Santos Ramos.

Obras en risco en 18 Concellos da provincia
- Taboada, rexeneración de camiños, obras financiadas con 388.261 euros. Anualidades de 2015, 2016 e 2017.
- Mondoñedo, rehabilitación Casa Museo Álvaro Cunqueiro. 324.686 euros (2015-2017).
- Baralla, instalacións deportivas na área fluvial. 424.963 euros (2015-2019).
- Begonte, acondicionamento rede viaria municipal. 340.000 euros (2015-2017).
- Guntín, accesos a núcleos. 299.791 euros (2015-2017).
- O Vicedo, equipamento, mobiliario e reforma da Casa do Mar. 394.256 euros (2015-2017).
- Triacastela, camiños. 285.000 euros. (2015-2017).
- Vilalba, mellora vías de comunicación. 511.754 euros. (2015-2017).
- Xove, mellora de camiños. 511.754 euros. (2015-2017).
- Palas de Rei, mellora de camiños rurais. 269.927 euros. 54.759 euros. (2015-2017).
- Castro de Rei, acondicionamento vías municipais. 150.454 euros. (2015-2017).
- Bóveda, adecuación de camiños. 194.906 euros. (2015-2017).
- Quiroga, centro de día, 370.000 euros. (2015-2017).
- Sober, mellora de accesos + albergue municipal. 85.000 + 20.000 euros. (2015-2017).
- Antas de Ulla, rehabilitación viario. 162.116 euros. (2015-2016).
- Pantón, acondicionamento estrada Bazal N120 + accesos Fervenza de Augacaída. 45.751 + 29.951 euros. ((2015-2016).
- Cervo, pista de pádel. 160.872 euros. (2015-2016).
- Cervantes, acondicionamento de camiños. 19.499 euros. (2015-2017).