Deputación de Lugo

Máis de 30 expertos participarán o 19 e 20 de novembro no VIII Congreso Galego de Cruceiros da Deputación

- As xornadas organizadas pola Asociación de Amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánima terán lugar no Museo Fortaleza de San Paio de Narla
-  Intervirán relatores de toda Galicia e Portugal, que exporán os seus estudos e investigacións sobre estes monumentos declarados Ben de Interese Cultural (BIC)
- O organismo provincial colabora cunha achega económica de 3.000 euros para a celebración destas xornadas na provincia

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, presentou este luns no Museo Provincial de Lugo o Congreso Galego de Cruceiros, que organiza a Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánima, e que se celebra os días 19 e 20 de novembro no Museo Fortaleza de San Paio de Narla. Fíxoo xunto ao Presidente da asociación, Fernando Arribas Arias, o Secretario, José Manuel Blanco Prado e o Tesoureiro, Mario Saavedra Pérez. O organismo provincial colabora coa asociación cunha achega económica de 3.000 euros para a celebración destas xornadas.

Santos Ramos subliñou que “dende a Deputación colaboramos coa Asociación de Amigos dos cruceiros porque levan a cabo un traballo fundamental na defensa e conservación dos nosos cruceiros, así como tamén no coñecemento e difusión destes monumentos que están ligados á cultura e á identidade galega”.

As edicións anteriores do Congreso Galego de Cruceiros celebráronse en Poio, Ponteareas, Santiago de Compostela, O Porriño, Monforte de Lemos e Ourense. Xustifícase a creación da asociación e o estudo dos cruceiros polos singulares valores materiais e inmateriais destes monumentos da arte popular galega, que adoitan estar ligados, dende a Idade Media, aos vellos camiños de peregrinación. Na actualidade, Galicia conta con máis de 8.000 cruceiros, considerados Bens de Interese Cultural (BIC).

Moitos dos relatorios presentados nestas xornadas son froito do traballo de inventario e catalogación de cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas que están realizando algúns dos relatores, que cada ano estudan polo miúdo un Concello para aportar nestes congresos os resultados das súas investigacións. Por exemplo, os traballos sobre os cruceiros da Ribeira Sacra lucense, comarca que, ata agora, carece dun censo exhaustivo deste tipo de monumentos, a pesar de que entre eles se atopan algúns dos exemplos máis notables da provincia de Lugo.

Programación
Sábado 19 de novembro
Ás 10:30 horas.- Recepción e entrega de documentación.
Ás 11:00 horas.- Acto inaugural do VIII Congreso Galego de cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas a cargo do Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Fernando Arribas Arias.
Ás 11:30 horas.- Primeira sesión de relatorios.
Ás 14:00 horas.- Xantar.
Ás 17:00 horas.- Segunda sesión de relatorios.
Ás 21:00 horas.- Remate da segunda sesión de relatorios.

Domingo 20 de novembro
Ás 9:30 horas.- Terceira sesión de relatorios.
Ás 13:00 horas.- Conclusións e clausura do VIII Congreso de cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, a cargo da Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto.

Relatorios do Congreso
1.- Cruces, cruceiros, cristos e petos do Concello de Foz, por Mario Saavedra Pérez.
2.- Cruces, cruceiros epetos do Concello de Arbo (II): Parroquias de Cabeiras, Cequeliños, Mourentán e Sela, por Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez.
3.- Morren os petos, xorden os esmoleiros. O caso dos esmoleiros da virxe de Fátima en Ponteareas (Pontevedra), por Mónica Leirós Bargiela e Purificación Porto Sebastián.
4.- Cruces, cruceiros e petos da parroquia de Santa María de tomiño (Tomiño-Pontevedra), por Félix Loira López eEstanislao Fernández de la Cigoña.
5.- O viacrucis de Santo André de Xeve (Pontevedra) entre a devoción e a ruína, por Xoán Ibáñez Rodríguez e Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez.
6.- Os petos porticados: manifestación de fondos sentires do pobo e de arquitectura popular, por Ángel Cerrato Álvarez.
7.- Cruces e cruceiros do Concello de Guntín, por José Manuel Blanco Prado eManuel Muñiz.
8.- Cruceiros, cruces e esmoleiros da ribeira sacra lucense: Concello de Chantada, por Fernando Arribas Arias.
9.- Cruceiros e cruces de Burela, por Mario Saavedra Pérez.
10.- Probas e consideracións sobre o escultor Ignacio Cerviño, por Anxo Coya Otero.
11.- Cruceiros fóra do común, por José María Rodríguez Tubio.
12.- Cruceiros do ribeiro (I), por Xesús Antonio Gulías Lamas.
13.- Cruceiros do ribeiro (II), por Xesús Antonio Gulías Lamas eSerafín Pérez GeL
14.- Os cruceiros como tema da poesía publicada na prensa, por Cecilia Doporto Regueiro.
15.- Os viacrucis da cidade de santiago de compostela, por Clodio González Pérez.
16.- Cruceiros de lordelo (mon~ao-portugal), por María Prieto Vergara.
17.- Cruces, cruceiros e petos do concello da Guarda (II): parroquia de Santa María da asunción da guarda, por Victoria Fernández de la Cigoña Rodríguez.
18.- Alejandro cabanelas e o cruceiro coruñés da praza do marqués de san martín, por Francisco Xabier Louzao Martínez.
19.- Terra de nemancos: cruceiros nunha paisaxe desagrarizada, por Manuel Vilar.
20.- Cruces, cruceiros e petos de ánimas do Concello de Amoeiro (Ourense), por Celso Rodríguez Cao.
21.- Cruces e cruceiros da parroquia de San xés de Padriñán (Sanxenxo-Pontevedra), por Alberta Aspres.
22.- Notas sobre un cruceiro galego na cidade de Porto, por Lois Ladra.
23.- Cruces e cruceiros do Concello de Pontedeume, por Juan José Burgoa Fernández.
24.- Enxeñería 3d aplicada aos cruceiros. Un exemplo de documentación patrimonial, por Roberto Rodríguez Cabeceira, de Xeométrica Enxeñería.
25.- Cruceiro e peto de ánimas de San Francisco de cortellas (Padróns-Ponteareas), devocións ao pé da capela e romaría de San Francisco, por Andrés Sampedro Fernánd
26.- Cruzeiros e calvários do Concelho do Fundao (Portugal). Uma análise espacial, por Pedro Miguel Salvado, José Paulo Duarte, André Mota Veiga, Pedro Mendon\a e Juana
Bizarro (Museo Arqueolóxico Municipal de Fundáo-Portuqal).
27.- Cruceiro de S.joa de castelo branco: memoria epatrimonializaça, por Pedro Miguel Salvado.
28.- Devociones en granito: los cruceiros medievales en la provincia de A Coruña, por Sara Carreño López.

Asociación de Amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánima
No ano 2009, un grupo de etnógrafos galegos que centraban os seus traballos de investigación nos cruceiros, cruces e petos de ánimas de Galicia, todos eles autores da meirande parte das obras escritas sobre estes monumentos, celebraron un congreso en Poio (Pontevedra) co obxectivo de contrastar e intercambiar información sobre estes monumentos da arte popular. Neste congreso decidiuse crear a asociación que constitúe a única entidade deste tipo existente en toda España.

Entre os obxectivos da asociación están promover a conservación, restauración e recuperación dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo existentes en Galicia, así como os de outros lugares que garden relación cos galegos. Fomentar o estudo, investigación, coñecemento e divulgación de todas estas manifestacións da arte popular, tanto no seu aspecto material como inmaterial. Velar pola integridade destas construcións, apoiando todas aquelas iniciativas encamiñadas a súa revitalización e posta en valor. Promover e colaborar en todas as actividades que estean en consonancia con estes fins, tales como congresos, seminarios, xornadas e xuntanzas de estudo, así como exposicións e roteiros para o seu coñecemento e divulgación.