Deputación de Lugo

O Goberno acorda un contrato co CD Lugo para promocionar a marca e potencialidades da provincia

- O Executivo aprobará mañá na Xunta de Goberno un contrato de patrocinio co club albivermello de 265.000 euros para promocionar todos os recursos de Lugo e impulsar a integración social, igualdade, solidariedade ou superación co deporte - Campos Conde presentou este novo patrocinio xunto a Tino Saqués, os xogadores do club albivermello e o responsable provincial da área de Deportes - “Empregamos de novo a fórmula de colaboración, totalmente pioneira, que arrancamos co Breogán, e coa que tamén buscamos o maior beneficio para o conxunto da nosa provincia”, subliñou o Presidente - Con este contrato de patrocinio, garántese a proxección da provincia, canto menos,  nas preto de 20 cidades que o Club Deportivo Lugo visita ao longo da tempada - Emitiranse vídeos promocionais de todas as comarcas lucenses para incentivar o turismo durante os partidos do CD Lugo no estadio Anxo Carro chegando a máis de 600.000 persoas entre espectadores presenciais e telespectadores

O Executivo da Deputación aprobará mañá na Xunta de Goberno un contrato de patrocinio co CD Lugo por valor de 265.000 euros para promocionar a marca e as potencialidades da provincia “máis alá das nosas fronteiras”. Así o adiantou o Presidente, Darío Campos Conde, nun encontro no Anxo Carro cos xogadores e o equipo técnico do club albivermello, no que tamén participou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón.

“Nos últimos anos, o Lugo tense convertido nun dos máximos embaixadores da nosa terra. O club albivermello atópase inmerso nun dos períodos máis importantes da súa historia, consolidado na categoría de prata do fútbol español. Este crecemento vén ligado a unha imaxe de rigor e solvencia, que nos permite presumir de equipo, e mostrar un tremendo orgullo por estas cores. Por todo isto, considero que o club albivermello é unha grande plataforma para redescubrir Lugo no panorama nacional, así como impulsar valores ligados como o compañeirismo ou a superación”, subliñou Campos Conde.

O Presidente apuntou que “o noso obxectivo e contribuír á importante actividade de todos os clubs deportivos e, simultaneamente, impulsar o desenvolvemento económico lucense. Os contratos de patrocinio co Lugo e o Breogán permitiranos avanzar da man das dúas entidades deportivas coa maior masa social da provincia. Pois o Lugo, ao igual que o Breogán, levará a marca da provincia e todas as súas potencialidades máis alá das nosas fronteiras. Ademais, fomentaremos a práctica deportiva como un importante elemento de integración social, de igualdade de xénero ou de hábito de vida saudable”.

Promoción da provincia
Deste xeito, o Executivo da Deputación aprobará este venres na Xunta de Goberno os pregos dun contrato de patrocinio co CD Lugo por valor de 265.000 euros que garante a proxección da provincia, canto menos, nas preto de 20 cidades que o Club Deportivo Lugo visita ao longo da tempada: Almería, Cádiz, Córdoba, Elche, Girona, Huesca, Valencia, Mallorca, Madrid, Miranda de Ebro, Tarragona, Soria, Oviedo, Reus, Sevilla, Tenerife, Murcia, Valladolid e Zaragoza.

Así mesmo, durante os partidos do club albivermello no Anxo Carro emitiranse vídeos promocionais de todas as comarcas lucenses, “dando a coñecer os nosos recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e os nosos produtos autóctonos”, apuntou Campos.

Cómpre sinalar que a entrada media ao estadio durante a pasada tempada foi de 3.800 espectadores por partido. É dicir, preto de 80.000 persoas ao longo do ano, o que da boa conta da repercusión directa que supón a efectos de visibilidade. A esta cifra hai que engadir as persoas que seguen os partidos do Lugo por televisión, cunha audiencia media de 13.900 espectadores por encontro. Tendo en conta que o club disputa 42 partidos ao longo do ano, chegarase a unha media de 600.000 persoas.

O contrato de patrocinio inclúe ademais máis contra prestacións para a provincia, establecendo varios espazos para a promoción de todos os seus recursos, como un banner na web do CD Lugo; un espazo destacado na Sala de Prensa e Zona Mixta do estadio Anxo Carro; emisión de contido visual en LED TV durante todas as roldas de prensa do club; un espazo nas novas entradas da Liga de Fútbol Profesional a partir de decembro, cunha distribución anual de 50.000 entradas; un espazo destacado no autocar oficial do CD Lugo; imaxes da provincia en 4 vallas na UTV; así como presenza en todo o equipamento oficial de xogo do primeiro equipo e presenza da marca Lugo en todas as cartelerías do club en toda a tempada.

Pola súa parte, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, sinalou que “este contrato de patrocinio conleva unha inversión rendible para a provincia, como así nolo indican os estudos de mercado, xa que vai a supoñer un retorno económico moi importante para os lucenses. É polo tanto, unha boa noticia para os máis de 4.500 socios do club albivermello; e, en xeral, unha boa noticia para toda a provincia”.

“Dende o comezo buscamos unir esforzos co CD Lugo  e xerar un vínculo que vaia máis aló do que se viña facendo. Consideramos que este contrato de patrocinio leva aparellado unha contrapartida moi importante para a provincia, e estou seguro que o CD Lugo dado a súa excelente estrutura de funcionamento actual, vai a cumprir con creces con todos os lucenses”, engadiu Rivera.