Deputación de Lugo

O Goberno ofrece aos Concellos outros 160.000 euros para actividades deportivas e culturais

- O Vicepresidente presentou esta nova programación obxectiva e de cooperación con Concellos, que se suma a outras 5 dotadas de máis de 11 millóns de euros: POS, SAF, DepuEmprego, plans de TIC´s e de Aforro Enerxético - O Executivo pon a disposición dos 66 municipios de menos de 20.000 habitantes axudas de entre 2.000 e 3.400 euros para financiar gastos correntes pola organización e celebración de actividades culturais e deportivas nos Concellos - Os fondos para os Concellos distribúense en base a poboación, entidades poboacionais, esforzo fiscal, equipamentos culturais, instalacións e clubs deportivos

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, presentou este xoves unha nova programación da Deputación de cooperación cos Concellos mediante a cal o Goberno Provincial pon a disposición dos 66 municipios lugueses de menos de 20.000 habitantes axudas por un total de 160.000 euros para financiar gastos correntes pola organización e celebración de actividades culturais e deportivas durante o 2016.

Santos Ramos explicou que destes 160.000 euros, 80.000 euros son para financiar actividades culturais e outros 80.000 euros para deportivas. Con respecto ao ano pasado, o Executivo acordou incrementar estes fondos con 40.000 euros máis. Ademais, tamén decidiu distribuír este orzamento en base a criterios totalmente obxectivos.

Estes son a superficie do Concello, a poboación, o número de entidades poboacionais, o esforzo fiscal, os equipamentos culturais dispoñibles, as instalacións deportivas coas que conten e número de clubs deportivos existentes.

O Vicepresidente apuntou que en base a estes criterios, os municipios poderán recibir un mínimo de 2.000 euros (1.000 para actividades culturais e 1.000 para as deportivas), e un máximo de case 3.400 euros (1.700 para actividades culturais e 1.700 para as deportivas). AXÚNTASE AS TÁBOAS COA DISTRIBUCIÓN DE FONDOS NOS 66 CONCELLOS EN BASE A CITADOS CRITEIROS OBXECTIVOS.  

Algúns exemplos dos gastos correntes que a Deputación pode financiar aos Concellos con esta programación son: o funcionamento das escolas deportivas, a organización de campionatos ou competicións deportivas, programacións de teatro ou cine, xornadas divulgativas nas Casas da Cultura ou Museos...

“Como cada Concello ten necesidades diferentes, decidimos asinar con cada Concello o seu respectivo convenio e, deste xeito, financiar os gastos correntes que cómpren”, adiantou Santos Ramos.

O Executivo aprobará esta programación en vindeiras Xuntas de Goberno para que os municipios de sumen ao mesmo e logo asinen cadanseu convenio.

Máis programación do Goberno obxectivas e para todos
O Goberno da Deputación ten en marcha outras 5 programacións totalmente obxectivas e para todos os Concellos, principalmente, para os de menos de 20.000 habitantes, por valor de 11,3 millóns de euros. E é que o Executivo da Deputación decidiu distribuír a totalidade destes fondos en base á superficie do Concello, aos número de entidades de poboación, ao envellecemento, ao esforzo fiscal...

Estas programacións son:

- o POS: mediante o cal a Deputación financia con preto de 5 millóns de euros obras de mellora en infraestruturas dos 67 Concellos da provincia.

- o DepuEmprego: a través do que o Executivo da Deputación decidiu financiar con 3 millóns de euros a contratación de novos traballadores nos municipios para reforzar as prestacións públicas locais aos veciños, xerando emprego ao mesmo tempo.

- o SAF: mediante o cal o Goberno Provincial acordou asumir con 1,5 millóns de euros a totalidade dos custos municipais polo Servizo a Domicilio que se presta a máis de 1.300 maiores da provincia, especialmente, do rural lugués.  

- o Plan de Aforro Enerxético: co que o Executivo Provincial asume con 1,5 millóns de euros a adquisición de equipamento eficiente co obxectivo de reducir os cuantiosos gastos correntes que teñen os Concellos.

- o Plan de TIC´s: a través do que a Deputación financia con 300.000 euros as melloras que os Concellos teñen que realizar nas sedes electrónicas con motivo da entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.