Deputación de Lugo

15 mozos no paro recibirán formación remunerada sobre TIC´s co Communitteando da Deputación

- O Presidente e o Vicepresidente recibiron aos lucenses beneficiados do obradoiro social de emprego xuvenil, que a Deputación leva a cabo coa colaboración de COGAMI - Durante 6 meses, formaranse como Community Manager e expertos en TIC´s, recibindo unha remuneración mensual de 650 euros - Crearán unha aplicación para dispositivos móbiles coa que trasladarán ás administracións as barreiras arquitectónicas en instalacións públicas co fin de eliminalas

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, recibiron este martes no Pazo de San Marcos aos 15 mozos lucenses no paro que resultaron beneficiados do Communitteando. Trátase do obradoiro social de emprego xuvenil da Deputación, que ofrece formación teórica e práctica, remunerada cuns 650 euros mensuais, que é o salario mínimo interprofesional. Os seus obxectivos son contribuír á inserción laboral dos rapaces nun dos nichos de empregos detectados na provincia, como son as TIC´s; así como ao acceso universal ás instalacións públicas.

Durante 6 meses, os participantes formaranse como Community Manager e recibirán formación especializada sobre sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Farano nas instalacións de COGAMI na capital luguesa, colectivo que colabora coa Deputación no desenvolvemento deste obradoiro. Son un total de 960 horas de formación teórica.

Aplicación tecnolóxica
“Seredes os responsables da creación dunha nova página web para impulsar o traballo que leva a cabo COGAMI, así como dunha pioneira aplicación tecnolóxica coa que buscamos detectar as barreiras arquitectónicas existentes, que impiden un acceso universal ás instalacións públicas”, explicou Campos Conde.  

A través desta aplicación, os veciños poderán trasladar de xeito inmediato mediante os seus dispositivos móbiles ás dificultades de accesos coas que aínda se atopan moitos cidadáns. “O noso obxectivo é tentar darlles solucións dende todas as administracións responsables”, apuntou o Presidente.

Trátase dun proxecto piloto que se porá en marcha na cidade de Lugo, pero que se busca estender a toda a provincia.