Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promove a firma dun convenio de colaboración entre Cáritas e o CB Breogán

- Mediante este acordo, que terá vixencia dun ano, ambas entidades comprométense a levar a cabo diferentes actividades relacionadas coa integración de menores nos seus ámbitos de actuación, realizando unha serie de estratexias de forma conxunta
- López Izquierdo subliñou que “o baloncesto é un instrumento idóneo para promover os valores físicos, formativos, sociais, lúdicos e culturais, así como de integración a través do deporte entre as persoas menos favorecidas e, sobre todo, entre a mocidade”
- Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

A Deputada de Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, xunto co Presidente do CB Breogán, Suso Lázare Rincón, e o responsable de Cáritas Diocesana de Lugo, Ginés Fernando Plaza, participou este luns no acto de sinatura dun convenio de colaboración entre o club de baloncesto e a entidade lucense.

López Izquierdo subliñou que “o baloncesto é un instrumento idóneo para promover os valores físicos, formativos, sociais, lúdicos e culturais, así como de integración a través do deporte entre as persoas menos favorecidas ou en risco de exclusión social e, especialmente, entre a mocidade”.

Mediante este convenio, que terá vixencia dun ano, o CB Breogán e Cáritas Lugo comprométense a levar a cabo diferentes actividades relacionadas coa integración dos menores nos seus ámbitos de actuación, realizando para elo una serie de estratexias de forma conxunta.

Entre estas accións, atópase a visita de técnicos e xogadores do CB Breogán a Cáritas, ou ben a algunha instalación onde realicen actividades, para realizar un achegamento do baloncesto de alto nivel aos rapaces e rapazas desta entidade. Así mesmo, aqueles membros dos colectivos que Cáritas tutele, poderán presenciar os adestramentos do CB Breogán, e coñecer as instalacións do Pazo Provincial dos Deportes, aos adestradores, xogadores e demais membros do corpo técnico do club.
 
Por outra parte, os compoñentes de Cáritas poderán asistir, de xeito gratuíto, a partidos que o CB Breogán dispute na presente tempada. O custe destas entradas asumirao a Deputación a través do contrato de patrocinio que mantén co Breogán.

Contrato de patrocinio
A Deputación e o CB Breogán acordaron impulsar o fomento de valores sociais a través do deporte. Para iso, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo de lucro e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos...; haberá partidos con fins benéficos, nos que se recadarán fondos para colectivos sociais; así como encontros mixtos con xogadoras da provincia; celebraranse charlas sobre o deporte como elemento de inclusión social... O equipo participará de xeito activo en campañas contra a violencia de xénero, loita contra o cancro, días solidarios ou de conmemoración, etcétera.