Deputación de Lugo

A Deputación asume con 900.000 euros os custos municipais dos GES durante 3 anos

- Con esta iniciativa, que foi unha aposta persoal do Presidente, a de Lugo convértese na 1ª Deputación galega que asume os custos municipais dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais - Rivera Capón subliñou que “co acordo de hoxe, na nosa provincia os GES pasan a estar financiados nun 40% pola Deputación de Lugo, aliviando aos Concellos destes custos”. - A Xunta de Goberno resolveu a contratación de 2 desempregados lucenses que comezarán a traballar de auxiliar administrativo en Viveiro e de peón agrario en Láncara

O vicevoceiro da Deputación, Pablo Rivera Capón, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou os convenios de colaboración cos 7 Concellos lucenses que contan con Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). Trátase dun orzamento total de 900.000 euros, cos que o organismo provincial asume os custos municipais dos GES durante os ano 2016, 2017 e 2018.

Rivera Capón destacou que “esta iniciativa é unha aposta persoal do Presidente, sobre a que deu conta tras a reunión que mantivo cos Alcaldes destes municipios para informalos sobre esta decisión. Deste xeito, a de Lugo convértese na 1ª Deputación galega que asume os custos municipais dos GES”.  O vicevoceiro subliñou que “co acordo de hoxe, na nosa provincia os GES pasan a estar financiados nun 40% pola Deputación de Lugo, aliviando aos Concellos destes custos”.

Desta cantidade, os Concellos de Becerreá, Cervo, Guitiriz, A Pontenova e Monterroso reciben cada un total de 150.000 euros, que se dividen en anualidades de 50.000 euros para 2016, 2017 e 2018. Pola súa parte, os Concellos de Quiroga e Folgoso do Courel, que comparten un mesmo Grupo de Emerxencia Supramunicipal, reciben cada un 75.000 euros, que se dividen en anualidades de 25.000 euros (2016-2018).

Destacar que en Galicia os GES están financiados nun 60% pola Xunta, nun 20% polas 4 Deputacións galegas e nun 20% polos Concellos.

Máis emprego
A Xunta de Goberno aprobou a contratación de 2 desempregados lucenses, que comezarán a traballar noutras tantas empresas e entidades da provincia, a través do Ben Empregado. Trátanse dun auxiliar administrativo para Viveiro, e un peón agrario para Láncara. O vindeiro luns publicarase na Bolsa de Emprego da Deputación un novo posto para traballar nun establecemento de Palas de Rei. A partires da súa publicación, os interesados terán, como sempre, un prazo de 10 días para formalizar a súa solicitude.  Tamén se prorrogou a contratación dun técnico de orientación laboral que presta servizo nesta administración.

Colaboración con Concellos
A Xunta de Goberno aprobou convenios de colaboración con varios concellos lucenses para mellorar os servizos que ofrecen os municipios. Trátanse, concretamente, do Concellos de Burela, que conta cun investimento de 350.000 euros provinciais para melloras en infraestruturas, como as das rúas Arcadio Pardiñas, Nosa Señora do Carme ou Camiño Real ou os vestiarios do campo de fútbol da Marosa.; e o de Meira, tamén para a mellora en infraestruturas viarias do Concello de Meira, por valor de 100.000 euros.

Volta ciclista 2016
A Xunta de Goberno aprobou o investimento de 55.000 euros en actuacións de promoción da provincia de Lugo durante o paso da Volta Ciclista a España 2016. Rivera Capón subliñou que “esta é un gran oportunidade económica para difundir a nivel internacional a riqueza da provincia, sobre todo tendo en conta que esta cita congrega de media a máis de 20.000 espectadores por etapa; así como a uns 1.400 xornalistas de todo o mundo”.